As empresas seguen afogando as explotacións agrarias con prezos baixos

A Lei da Cadea Alimentaria non está a impedir na Galiza os prezos baixos que cobran as explotacións. As organizacións agrarias piden máis control e medidas mentres desde o Ministerio de Agricultura parabenízanse do resultado das inspeccións realizadas neste primeiro semestre.
Granxa de polos. (Foto: Nós Diario) #granxa #polos
photo_camera Granxa de polos. (Foto: Nós Diario)

En febreiro de 2020 o Ministerio de Agricultura, a través do seu responsábel Luis Planas, presentaba diante dos medios de comunicación o que pretendía ser a reforma da Lei da Cadea Alimentaria, que deixaría atrás os continuos problemas das explotacións agrogandeiras coas empresas. De fondo, unhas relacións contractuais desfavorábeis como consecuencia de ter estabelecidos prezos baixos nos seus produtos co agravante do aumento dos custos, que foi a máis nos últimos meses. 

O leite sobe prezos mais segue sen compensar

O caso máis significativo, e reiterado no tempo, é o do leite. A publicación, hai uns días, dun estudo da súa cadea de valor semella que está a ter consecuencias prácticas, polo menos así o considera o Sindicato Labrego galego (SLG). Dúas empresas do sector, Pascual e Naturleite, informaron que modificarían os prezos. As subas consistirían en 1 céntimo por litro para o último cuadrimestre de 2021 no primeiro caso e 2 céntimos por litro entre agosto e abril no segundo. Desde o SLG consideran que o aumento anunciado "non chegaría, segundo os datos de que se dispón, a salvar a fenda entre custos de produción e prezo percibido". Nun comunicado lembran que o estudo do Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio da Agricultura, cifra o custo medio de produción en 0'3565 euros por litro "e o prezo medio recibido polas granxas galegas segue a ser o máis baixo do Estado, pois foi de 0,323 euros por litro para a produción do ano 2020". 

Unións Agrarias tamén considera "insuficientes" estas subas e asegura ter iniciado conversas co conxunto das industrias lácteas que operan na Galiza. Ademais ten convocadas varias asembleas con gandeiras e gandeiros para falar da situación do sector e valorar os pasos dados e o camiño a seguir "para dar forma a un novo marco que garanta o futuro do lácteo galego". A organización, nun comunicado, fai un chamamento para que "todas as Administracións, así como as industrias lácteas e a distribución, se sumen a unha estratexia conxunta que permita garantir a rendibilidade do sector e conseguir por fin un reparto equitativo entre todos os elos da cadea". 

O Ministerio defende o traballo de inspección

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación presentou o 21 de xullo un informe da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA), un organismo estatal creado en 2014, para defender a súa postura "vixiante" diante os abusos das empresas. Nos datos que facilita só aparece o total estatal e non indica os que atinxen á Galiza. Aínda así, podemos ter en conta que nas 866 inspeccións realizadas este primeiro semestre o motivo máis frecuente de sanción é o incumprimento dos prazos de pago e entre os sectores o lácteo está en terceiro lugar. Nun comunicado, o Ministerio lembra que "na segunda fase da modificación da Lei da Cadea, que se atopa actualmente en tramitación parlamentaria, vai ampliar a relación de prácticas comerciais prohibidas e vaise reforzar a capacidade negociadora de todos os elos da cadea, especialmente daqueles máis débiles, para que se produza unha verdadeira igualdade de condicións".

Carne e produtos da horta tamén a prezos baixos

Elías Somoza, coordinador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga) ten claro que "as empresas traballan para o seu beneficio" e cando entran en xogo as marcas brancas "as exixencias aumentan á hora de poñer as mercancías nos lineais". Pon como exemplo "os prezos irrisorios da pataca, que chegaron a estar a 4 céntimos ou mesmo da carne, que se paga ao mesmo prezo que hai 30 anos, polo que atopas mesmo xatos por 30 euros" ou tamén "nos produtos de horta e na propia uva".

Para Somoza o gran problema é que "non hai uns contratos homologados que che permitan cada ano fixar uns prezos mínimos". Para este sindicalista os custos de produción que entran na Lei da Cadea Alimentaria "quedaron en papel mollado cando sempre as obrigas caen enriba das propias gandeiras e gandeiros". Somoza advirte que a Galiza, no caso do gando, vai cara a un modelo "de macrogranxas" con 3.000 ou 4.000 vacas camiño das que agora mesmo hai en Soria "que teñen 25.000". Esta gran concentración "favorece á industria, mais fai que diminúa a súa calidade".

A actitude "abusiva" da avicola Avigrao

A mediados de xullo Unións Agrarias (UUAA) denunciaba o que cualificaban de "actitude abusiva" de Avigrao, unha empresa avícola de Melide que nos últimos meses está a impoñer ás explotacións, segundo esta organización, a cría dun novo tipo de polo que supón maiores custos de produción para as granxas mais sen mudar o prezo que xa ten acordado co convencional. O coidado do novo animal, denominado ‘polo rubio’, ten que estar uns 80 días na granxa cando o habitual é de 45 días, case a metade. Desde a empresa deféndense argumentando que están "en período de proba" mais para UUAA este tipo de prácticas deberían ser remuneradas e non causar un prexuízo económico. Afirman que a partir da sétima semana os animais son máis exixentes e menos rendíbeis: aumentan o consumo de alimento e apenas gañan peso, co que os gastos da cría dispáranse.

Comentarios