Galiza perdeu na última década 17% da súa superficie agraria

Son 127.000 hectáreas. A perda intensificouse nos últimos anos. Entre 2013 e 2016 foron 34.000 as Has de superficie agraria útil.

forraxe rolos rural agro

Entre 2007 e a actualidade Galiza perdeu 17% das súas hectáreas agrarias. De 748.000 pasamos 621.000, segundo datos do INE. Unha perda que engadir á sufrida en anos anteriores. De 1985 a 2005, a superficie agraria últil (SAU) do noso país perdeu perto de 150.000 hectáreas.

Só entre 2013 e 2016 perdemos 34.000 hectáreas de superficie agraria, o que supón 5% da total. Practicamente a metade de toda a que se perdeu no Estado español neses anos.

En Galiza a superficie agraria últil apenas supera 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa. En Alemaña ou Francia supera 40%, por poñer dous exemplos.

E todo isto nun contexto no que cada vez hai maior concentración de terras. Así, 3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran 52 por cento da superficie agraria útil. Ao tempo, 75% das explotacións europeas de menos de 10 hectáreas representan apenas 11% da SAU, uns 19 millóns de hectáreas.

Son datos ofrecidos no estudo ‘Acaparamento e concentración de terras en Europa’, elaborado polo TNI, Transnational Institute, en base aos datos de Eurostat, a oficina estatística europea.  Os responsábeis do documento advirten de que Europa está a experimentar o que denominan “unha tremenda e rápida concentración de terras”. Na década que vai de 2003 a 2013 desapareceron un terzo das pequenas explotacións agrícolas europeas.

Na primeira década do século XXI en Galiza abandonáronse 37.050 explotacións agrarias. É un dos datos recollidos no informe ‘Por unha política xusta e sostíbel’, elaborado por diferentes colectivos e entidades do Estado e entre as que está o Sindicato Labrego Galego.

Comentarios