Galiza entra en 2024 cunha débeda en máximos históricos que supera os 12.000 millóns

O Goberno galego destina este ano 1.647 millóns aos pagos de débeda

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)

A débeda pública galega sitúase en 12.083 millóns de euros. Segundo os últimos datos achegados polo Banco de España, referidos ao terceiro trimestre de 2023, a contía representa un incremento de 8.129 millóns en relación a marzo de 2009, cando Alberto Núñez Feixoo alcanzou a Presidencia do Goberno galego. A maiores, a Xunta da Galiza debe 1.906 millóns de euros correspondentes a diversas actuacións financiadas pola modalidade de colaboración público-privada.

O endebedamento público non deixou de medrar desde 2009. Se á volta do primeiro trimestre desa anualidade sumaba 3.954 millóns de euros e equivalía a 6,8% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza, a finais de setembro de 2023 chegada a 12.083 millóns de euros, representando 17,4% do PIB.

Colaboración público-privada

A esta contía, compre engadir a débeda derivada da colaboración público-privada, unha vía pola que optou o Partido Popular de xeito imporante nese período.

A situación está chamada a empeorar para 2024. A este respecto, o Goberno galego prevé que a débeda pública se situará a finais dese ano en 12.309 millóns de euros, asinando un incremento de 52 millóns de euros en relación co proxectado para o exercicio pasado. Neste sentido, o seu comportamento está  na tendencia dos últimos 14 anos.

O Goberno galego debe, a maiores, 1.906 millóns de euros correspondentes a diversas actuacións financiadas pola modalidade de colaboración público-privada. Precisamente, esta fórmula, moi criticada polas forzas da oposición, responde ao obxectivo de non computar a efectos contábeis como débeda pública diversos investimentos do Goberno galego. Concretamente, nesta anualidade, fará fronte por este concepto a pagos por unha contía de 137 millóns de euros.

Pagos de débeda

A Xunta da Galiza destina no seu orzamento de 2024 máis de 1.647 millóns de euros para facer fronte as súas  débedas.

As contas públicas deste ano aclaran que 1.322 millóns de euros están dedicados a amortización de débeda pública, 188 millóns de euros a pago de xuros con entidades bancarias, investidores privados e o Estado e 137 millóns de euros a facer fronte aos compromisos financeiros derivados das actuacións executadas mediante a formula da colaboración público-privada. Precisamente, todos estes conceptos presentan un significado aumento en relación ao pasado exercicio.

Comentarios