Gadisa Retail factura 1.428 millóns de euros e o seu equipo humano medra até os 8.216 profesionais en 2022

Nun contexto "complexo", salienta, e cunha inflación de 5,7% a decembro do último exercicio, a empresa destaca que asumiu "unha parte importante do incremento dos custos", como a enerxía e o transporte, entre outros, sen trasladalos aos prezos de venda "en beneficio de miles de fogares" da Galiza e Castela e León.
Camións de distribución de Gadisa Retail. (Foto: Europa Press)
photo_camera Camións de distribución de Gadisa Retail. (Foto: Europa Press)

Gadisa Retail, empresa líder de distribución na Galiza, aumentou en 6,09% as súas vendas en 2022 até alcanzar os 1.428 millóns de euros. Nun contexto "complexo", salienta, e cunha inflación de 5,7% a decembro do último exercicio, a empresa destaca que asumiu "unha parte importante do incremento dos custos", como a enerxía e o transporte, entre outros, sen trasladalos aos prezos de venda "en beneficio de miles de fogares" da Galiza e Castela e León.

A división retail do Grupo Gadisa "contribuíu ao sostemento do gasto público achegando 128,51 millóns de euros", entre cotizacións sociais e impostos e tributos, subliñan. Os fondos propios ascenderon até os 546,66 millóns. Tamén volveu realizar un notábel esforzo investidor, destinando 22,78 millóns de euros á innovación, dixitalización, maior eficiencia e, fundamentalmente, a mellorar a experiencia de compra dos seus clientes coa ampliación e modernización dos Supermercados Gadis.

Creación de riqueza "local e sostíbel"

Gadisa Retail reafirma o seu "compromiso con xerar riqueza sostíbel na súa contorna" e maniféstao "de múltiples formas e en toda a cadea de valor". Unha delas, a través da creación e o mantemento de "emprego de calidade", sostén. Ao remate de 2022, o equipo humano estaba formado por 8.216 profesionais, dos que máis dun centenar foron incorporados á compañía durante ese exercicio.

Este crecemento reforza a súa posición como empresa do sector da distribución que máis emprego sostén no país. A empresa "impulsa o tecido socioeconómico mediante a compra ás súas máis de 2.000 provedores locais da Galiza e Castela e León, 1.021 de alimentación, moitos deles pemes, negocios familiares e cooperativas". En 2022, o importe destinado elevouse até os 466 millóns de euros.

A captación e a retención do talento, enfatizan, "define a política de recursos humanos de Gadisa Retail", que "promove o desenvolvemento persoal e profesional do seu equipo humano, unha das principais prioridades da compañía". En 2022, duplicouse o número de horas de formación até superar as 14.100. Dos 8.216 traballadores, perto de 6.000 tiveron a oportunidade de mellorar as súas competencias.

O crecemento laboral dentro da compañía é outra das políticas impulsadas, con 672 promocións internas durante o ano pasado. A empresa de distribución promove, ademais, a "integración profesional real e efectiva de diferentes colectivos". Durante o 2022, incorporou ao seu equipo humano a 75 dos dos 131 alumnos en formación ocupacional nas diferentes seccións e nas caixas dos Supermercados Gadis.

468 puntos de venda

A feche de exercicio, sumou 468 puntos de venda dos seus diferentes formatos e liñas de negocio: 227 estabelecementos propios Gadis, Gadis Hiper e Casa Claudio; e 12 Cash Ifa, situados na Galiza e Castela e León, e mais 229 tendas franquiadas Claudio e Claudio Express, con presenza tamén en Madrid e Asturias. En 2022, contabilizou 17 locais máis respecto ao ano anterior.

A superficie de puntos de venda propios aumentou en máis de 6.000 metros cadrados, até alcanzar os 350.941 m2, como consecuencia da apertura de novos Supermercados Gadis e da "política de renovación e ampliación de espazos" emprendida pola empresa.

Gadis Retail reivindica a "eficacia e sustentabilidade" do seu sistema loxístico como "unha das fortalezas", ao manter o control de todo o proceso, "desde a orixe até a entrega diaria aos estabelecementos por unha frota de 234 vehículos propios". Isto permite optimizar os roteiros de carga e transporte, o que propicia unha "redución das emisións de CO2 á atmosfera". A empresa conta con dous centros loxísticos, e outras dúas plataformas de compra e distribución de peixes e mariscos, o que lle permite "trasladar aos clientes vantaxes competitivas en calidade, frescura e prezo".

Outras accións de "responsabilidade corporativa

En liña cos resultados empresariais, Gadisa Retail ampliou tamén o alcance do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa cun aumento do número de accións e colaboracións ata as 1.905 iniciativas en 2022. Catro son os eixos deste plan: solidariedade, cultura, comercio e desenvolvemento local, ademais de promover o deporte e os hábitos de vida saudábeis. Neste último ámbito, que concentra case 40% do total das accións, é destacable o crecemento do programa educativo escolar Alimentes, no que participaron 16.881 estudantes de 331 colexios da Galiza e Castela e León durante o 2022.

Comentarios