mércores 05/08/20
O Consello Superior de Investigacións Científicas xestionará o Instituto Español de Oceanografía

A frota pesqueira advirte dos riscos pola absorción dos Oceanográficos da Galiza polo CSIC

Varios colectivos de armadores e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostíbel e Social (Fremss) amósanse preocupados porque a inclusión das sedes galegas no CSIC dilúa o traballo dos investigadores. Tamén os traballadores de centros como o de Vigo agardan novas nun ambiente tenso.
O buque 'Ramón Margalef' do Oceanográfico de Vigo (Foto: Europa Press)
O buque 'Ramón Margalef' do Oceanográfico de Vigo (Foto: Europa Press)

A nova de que o Goberno de Pedro Sánchez reestruturará varias institucións facendo que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) absorba o Instituto Nacional de Oceanografía (IEO) mantén ao sector pesqueiro galego en situación de alarma. Tamén o cadro de persoal de centros como o de Vigo está "preocupado". Malia que nin desde a sede central do tamén coñecido como Instituto Español de Oceanografía nin desde o Ministerio de Ciencia responderon ás consultas deste diario, a frota da Galiza cre que o cambio vai a supoñer unha perda de independencia da entidade. En consecuencia, pensan que se farán menos estudos das pesquerías que se traballan no país, algo fundamental para garantir os recursos dun sector produtivo e económico importante. 

Hai algúns meses xa se comentaba que algunhas das sedes do IEO estaban ao bordo do colapso, tal e como denunciaban os cadros de persoal. A directora do centro do IEO en Vigo, María Victoria Besada, recoñece que existen "problemas administrativos e de xestión" pero descoñecen "por que se decidiu que a integración é a mellor solución". 

"Hai preocupación, non polos proxectos, pero si pola integración e como vai afectar nas labores que estamos facendo: o CSIC e o IEO teñen obxectivos moi distintos", engade a representante, que recoñece que a única comunicación que tiveron foi unha carta do ministro de Ciencia, Pedro Duque, asinada o 21 de xullo. 

Besada advirte que o Oceanográfico de Vigo ten campañas en marcha, por exemplo en Canadá. Neste contexto, os representantes da frota pensan que habería outras maneiras de solucionar o problema sen necesidade de facer que os oceanográficos perdan a súa propia identidade. 

“Non sabemos os datos máis concretos pero por experiencia ao entrar en algo moito maior pode ir diluíndose e perdendo capacidade e autonomía", afirma Torcuato Teixeira, representante da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostíbel e Social (Fremss) e da Organización de Arrastreiros Coruñeses.

"Abrir o debate" para que estas competencias sexan galegas

O representante da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostíbel e Social (Fremss), Torcuato Teixeira, asegura que hai malestar entre toda a frota galega pola noticia porque acostumaban contar co asesoramento das e dos investigadores do Instituto Nacional de Oceanografía (IEO). O voceiro da Asociación de Armadores do Cerco da Galiza (Acerga) confían en que o cambio na estrutura "non teña repercusión" porque para a pesca "os estudos do IEO son fundamentais".

"Aínda habería que afondar máis", subliña. Por iso, Teixeira defende que pode ser o momento de retomar "o debate a favor de que o organismo dependa do Ministerio de Pesca ou da reivindicacións da transferencia a Galiza". Iso si, contando con fondos para que o ente ("público ou público-privado") poida investigar tranquilo. 

comentarios