Unha empresa andaluza proxecta tres parques eólicos fronte á costa da Mariña

A compañía contempla instalar un total de 101 muíños en 312 km2.
Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Abei Energy presenta Poniente I e Poniente II. (Foto: Europa Press)

A Galiza segue a xerar o interese de empresas e operadoras para explotar a eólica offshore —a que se explota no mar— e a costa da comarca da Mariña é unha das zonas do país onde este negocio pon os seus ollos. Aos proxectos presentados no seu día para explotar a eólica mariña nesta zona por Ferrovial e Iberdrola súmase agora Abei Energy, unha empresa andaluza que se centra na enerxía solar e eólica

Abei vén de presentar ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica dous proxectos, Poniente I e Poniente II, a desenvolver na Mariña. Con anterioridade rexistrou outra iniciativa para pór en marcha en augas desta mesma comarca galega, Ventus, un parque de eólica mariña de 600 megawatts (MW) a instalar a 30 quilómetros de Burela —na zona denominada Nor-5 no Plan de ordenación dos espazos marítimos (POEM)— composto por 40 aeroxeneradores e que ocuparía 127 quilómetros cadrados.

Agora, con Poniente I e Poniente II, dobra a súa aposta. O primeiro parque ocuparía unha superficie de 80 quilómetros cadrados e o segundo de 105.  Entre ambos os dous suman 61 aeroxeneradores mariños. En Poniente I instalaríanse 29 e no seu xemelgo, 32. A potencia total en conxunto dos dous parques sumaría 915 megawatts  a súa instalación sería na área Nor-7 do POEM, fronte á costa galega e occidente astur.

Unha ducia de proxectos

Estas dúas iniciativas elevan até unha ducia os proxectos que iniciaron os trámites ante o Estado para explotar eólica mariña en augas galegas. Todos eles impulsados por empresas coa sede social fóra da Galiza. Ás xa mencionadas Iberdrola e Ferrovial, ademais de Abei Energy, hai que engadir os proxectos de Capital Energy ou Iberbue, entre outros.

A suma total de potencia de todos os proxectos presentados até agora alcanza os 6.500 MW, máis do dobre das previsións do Executivo estatal para 2030.

As zonas reservadas para a eólica mariña contempladas no POEM afectan 184 caladoiros de pesca nas augas galegas. Neste sentido, a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños destaca o importante impacto desta planificación na actividade pesqueira e rexeita os emprazamentos escollidos. O sector do mar estima en ao redor de 15.000 os empregos que estarían en risco pola implantación da eólica mariña. 

"Un despropósito xurídico, social e económico"

O pasado mes de agosto, o Tribunal Supremo admitía a demanda da frota pesqueira galega contra os POEM e os espazos que reservan para a eólica mariña. Torcuato Teixeira, avogado especialista en Dereito Pesqueiro, define o Real decreto que aprobou os POEM como "despropósito, non só xurídico, senón social, económico e medioambiental".

A semana pasada o Parlamento galego volveu debater sobre os POEM a raíz dunha iniciativa presentada polo BNG que pedía instar a Xunta da Galiza que reclamase do Goberno estatal a retirada destes plans. A proposición non de lei non prosperou ao ter o único apoio da formación nacionalista, votando en contra da mesma tanto o PP como o PSdeG.

Advertencia do Tribunal de Contas da Unión Europea

“As renovábeis mariñas non deben dar lugar a un grave dano social ou ambiental”. Esta é a opinión expresada  por Nikolaos Milionis, membro do Tribunal de Contas da UE e máximo responsábel da auditoría realizada polo organismo sobre a estratexia da Unión Europea sobre eólica mariña. A conclusión do informe apunta que o desenvolvemento da enerxía renovábel mariña en Europa ofrece “resultados ambiguos”.

O Tribunal recomenda que as accións destinadas a impulsar o desenvolvemento da enerxía marítima renovábel, aseguren simultaneamente a sostibilidade ambiental e social. Malia os seus beneficios en redución de emisións, a eólica mariña pode ter un indesexado custo social e ambiental. Así se recolle no informe Offshore Energy Renewable in the EU.

Comentarios