O Goberno español abre a consultas a nova regulación para as poxas de eólica mariña

A proposta normativa permitirá outorgar simultaneamente, mediante concurso, o réxime económico de enerxías renovábeis e a reserva da capacidade de acceso á rede e da concesión de uso do dominio público-marítimo terrestre por un prazo máximo de 30 anos, informou o Ministerio.
Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico iniciou a audiencia pública, até o próximo 25 de marzo, do proxecto de Real Decreto polo cal se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, e que servirá de ferramenta para as poxas de eólica mariña.

En concreto, a proposta normativa permitirá outorgar simultaneamente, mediante concurso, o réxime económico de enerxías renovábeis e a reserva da capacidade de acceso á rede e da concesión de uso do dominio público-marítimo terrestre por un prazo máximo de 30 anos, informou o Ministerio.

Os concursos que servirán para outorgar os devanditos dereitos, ademais de criterios económicos e técnicos -prezo da enerxía, cupo de potencia a outorgar, solvencia dos participantes, características e requisitos da tecnoloxía, etc- poderán ter en conta outros criterios, como a ocupación de espazo, a minimización do impacto ambiental, plans para desmantelamento dos equipos ao final da súa vida útil, creación de emprego e industria locais, participación de pemes, ou a incidencia sobre a navegación, ou o apoio a outros sectores económicos, como a pesca.

Este proxecto normativo afectará as instalacións eólicas mariñas e a outras enerxías do mar, como a undimotriz, que produzan enerxía en todo o territorio mariño de xurisdición estatal.

"Prioritario"

O desenvolvemento das enerxías do mar é “prioritario” para o Goberno español, que xa destinou 147 millóns de euros para proxectos piloto demostradores e plataformas de ensaio de renovábeis mariñas no marco do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica de Enerxías Renovábeis, Hidróxeno Renovábel e Almacenamento.

Para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento da eólica mariña e as enerxías do mar, o Ministerio aprobou os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), un instrumento de zonificación para os distintos usos do mar (pesca, navegación, produción enerxética...), que inclúe 19 Zonas de Alto Potencial (ZAP) para a instalación de aeroxeradores mariños, con 5.000 quilómetros cadrados de superficie, 0,46% das augas territoriais.

Asociacións pesqueiras e ecoloxistas criticaran duramente a aprobación dos POEM xa que, segundo veñen alertando desde hai tempo, a eólica mariña podería ter consecuencias graves no relativo á pesca e o medio ambiente.

Comentarios