As eólicas terán maiores facilidades para desenvolver os seus proxectos: estas son as novidades normativas

O Goberno estatal aposta por promover as centrais hidroeléctricas de bombeo.
A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

O Goberno estatal acordou modificar os fitos da tramitación administrativa que deben cumprir os proxectos de enerxías renovábeis, concedendo até oito anos para obter a Autorización Administrativa de Explotación.

En concreto, o Consello de Ministros e Ministras do Estado español, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), acordou incrementar seis meses, até os 49 meses, o prazo para obter a Autorización Administrativa de Construción (un dos trámites administrativos do proceso burocrático).

Os promotores poderán prolongar desde os cinco até un máximo de oito anos o prazo para obter a Autorización Administrativa de Explotación, para o que só terán que indicar o semestre en que prevén a entrada en servizo da instalación, con carácter vinculante. Pola súa parte, o prazo total máximo estabelecido para a tramitación dos parques eólicos mariños e dos bombeos hidroeléctricos pasará a ser de nove anos.

O Miteco indicou que con esta modificación tamén se propicia "unha incorporación ordenada" das novas instalacións que aumente a visibilidade da senda para cumprir os obxectivos estatais de produción de enerxía "limpa" fixados para 2030 e que se persegue "beneficiar máis a toda a economía nun contexto de crecente electrificación".

Petición das enerxéticas

Coa medida, o Goberno do Estado español satisfai unha petición que a patronal das enerxías renovábeis viña solicitando desde hai tempo, argumentando que coa configuración anterior dos fitos administrativos era "practicamente imposíbel" cumprimentar o prazo legal.

O Executivo estatal acordou ademais que nas poxas para outorgar o Réxime Económico de Enerxías Renovábeis se poidan incluír criterios de adxudicación non económicos cunha ponderación máxima de 30%.

O Goberno español tamén integrou o almacenamento entre os usos da auga, situándoo en terceiro lugar na orde de preferencia estabelecida, por detrás do abastecemento a poboacións e o uso agrario, e por diante da produción de enerxía eléctrica e doutros usos industriais. Neste sentido, adaptáronse as concesións das centrais hidroeléctricas de bombeo para que sexan consideradas almacenamentos hidráulicos de enerxía e se promova a súa repotenciación.

Comentarios