Xustiza

O Porto de Vigo, condenado por vulnerar a liberdade sindical ao "discriminar" unha delegada da CIG

"Os mandatarios do PP deixan de lado a xestión dos recursos humanos, delegando as decisións nun secretario que adoita pensar que é amo e señor da Administración", lamenta a central sindical.
Vista aérea da zona de carga do porto de Vigo. (Foto: Autoridade Portuaria)
photo_camera Vista aérea da zona de carga do porto de Vigo. (Foto: Autoridade Portuaria)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de desestimar un recurso de súplica presentado pola Autoridade Portuaria de Vigo e, en consecuencia, ratificou unha sentenza que condenaba esta entidade por vulnerar o dereito de liberdade sindical ao "discriminar" unha delegada da CIG nun proceso interno.

O alto tribunal galego confirma así a nulidade dun nomeamento que, segundo a central sindical galega, fora feito "a dedo". Tamén avala, por tanto a correspondente indemnización a esta traballadora damnificada.

A CIG sinalou que esta resolución era "esperada", xa que a cuestión "estaba ben clara". "A Autoridade Portuaria, coa complicidade de UXT e CCOO, sáltase sistematicamente o modelo de xestión por competencias co fin de vulnerar os dereitos das delegadas e delegados da CIG", denunciou, ao tempo que incidiu en que este "non é un caso illado".

Por outra parte, criticaron que o Porto, co ex conselleiro Jesús Vázquez Almuíña á fronte nese momento, recorrese a sentenza do Xulgado do Social. Deste modo, a indemnización incrementouse, porque o traballador que foi "mobilizado de maneira irregular" —cuxo nomeamento quedou anulado— segue no seu posto de xefe de servizo e percibindo a diferenza salarial que debería ser percibida pola delegada da CIG.

A CIG advertiu de que sería "unha irresponsabilidade" se o Porto volve recorrer, malia que engadiu que non sería estraño, porque "os mandatarios do PP deixan de lado a xestión dos recursos humanos, delegando as decisións nun secretario que adoita pensar que é amo e señor da Administración".

A respecto diso, o sindicato denunciou que os dereitos das e dos representantes da CIG son "vulnerados continuamente", e que desde a entidade se exercen "represalias" para tentar "intimidalos" e "limitar" a súa actividade.

Finalmente, a central sindical afirmou que, "ante a gran cantidade de irregularidades que tiveron lugar na Autoridade Portuaria de Vigo nestes últimos anos", non descarta "ir máis aló", porque habería prácticas que "encaixan na definición da prevaricación administrativa".

Comentarios