A Xunta apela ao "interese xeral da Galiza" para que Ence siga en Lourizán

Ence debe seguir en Lourizán por "interese xeral" da Galiza. Así o dixo o representante do Goberno galego na Comisión Institucional e de Administración do Parlamento. Fronte a sentenzas ou sentir veciñal, a Xunta defende —contra o que mantiña hai uns meses— que non hai outra localización posíbel para a planta. 
Vista da factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista da factoría de Ence en Pontevedra (Foto: Europa Press).

Ence debe continuar onde está, en Lourizán, e debe seguir nesa localización porque é o que determina "o interese xeral da Galiza". Así o defendeu esta cuarta feira no Parlamento galego o director da Axencia Galega de Industria Forestal, Ignacio Lema, órgano adscrito á Consellaría de Economía. Pasaron os tempos non tan lonxanos —até o verán pasado— nos que o Goberno galego falaba  de "reubicar" a pasteira e mesmo buscar sitio na Galiza para unha segunda (“Galiza necesitaría dúas pasteiras", dicía Alberto Núñez Feixoo en marzo). 

Agora, o discurso da Xunta é o de seguir en Lourizán ou "perderanse 5.000 empregos directos e indirectos" e "80.000 familias galegas" perderán unha fonte de ingresos. Foron estes algúns dos argumentos expostos por Ignacio Lema na súa comparecencia na Comisión Institucional, da Administración, Xustiza e Interior para responder a unha pregunta do BNG sobre a "versión parcial e nesgada do informe do Consello Consultivo sobre a posibilidade de adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa Ence".

"Vulneración dos dereitos dos deputados"

O deputado nacionalista Luis Bará, responsábel da pregunta, denunciou ao inicio da súa intervención a "vulneración dos dereitos dos deputados" que supón que malia pedilo en outubro aínda non recibisen copia do informe do Consello. O  citado informe foi realizado polo órgano superior de consulta da Xunta a pedimento do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía. "Foi emitido no tempo récord de unha semana, cousa que non é habitual nos informes do Consello. Poucos días despois da filtración parcial e partidista do contido do informe, fontes do Consello Consultivo desmentiron a versión que estaba a difundir a Xunta", de que o órgano apoiaba esa adscrición, explicou Bará.

Para o nacionalista estamos perante unha "manipulación" por parte da Xunta, un feito "escandaloso". Enmarcouno no "seguidismo" que o Goberno galego fai da pasteira e acusouno mesmo de "non querer o traslado, queren que Ence feche e que haxa un conflito social e botar abaixo o Goberno de Pontevedra".

A culpa, "dos outros"

Ignacio Lema non deu resposta a estas acusacións. O director limitouse a ler o documento que traía escrito e no que cargou contra a "pasividade doutras Administracións", ás que responsabilizou de "levar ao feche de Ence". Aseverou que o único que fai a Xunta é "escoitar" e "pórse do lado dos traballadores".

O PSdeG tamén é moi crítico coa política da Xunta a respecto de Ence. A deputada Paloma Castro acusaba á Xunta de “secundar a Ence sen pensar no futuro dos traballadores”.

O debate sobre Ence, tamén no relativo ao informe do Consello Consultivo, reborda o que é o Parlamento. Así, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) incidiu en que ningún informe pode "sortear as sentenzas da Audiencia Nacional" que anulan a prórroga da concesión concedida polo Goberno de Raxoi".

Comentarios