Os donos de Greenalia compran a firma por baixo do que a valoran os analistas

As firmas de análise sitúan o prezo obxectivo dos títulos de Greenalia entre os 18 e os 21,3 euros, fronte aos 17,5 que ofrecen García e Castellano polas accións que aínda non controlan
Manuel García, conselleiro delegado de Greenalia e principal accionista, e José María Castellano, presidente da firma galega de renovábeis (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel García, conselleiro delegado de Greenalia e principal accionista, e José María Castellano, presidente da firma galega de renovábeis (Foto: Nós Diario).

Os principais accionistas de Greenalia, Manuel García, que controla 81,2% do capital a través de Smarttia, e José María Castellano, con 5,2% por medio de Alazady España, anunciaron a comezos desta semana unha opa de exclusión para facerse con 13 ,59% dos títulos da compañía que non controlan e que cotizan no BME Growth.

A operación, que aínda ten que ser comunicada aos accionistas, está supeditada ao visto bo da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), que deberá determinar se o prezo ofrecido ─17,5 euros por título─ é xusto.

Para iso, toma como referencia o prezo de cotización medio durante o semestre previo á OPA. Nese tempo, o valor das accións da compañía mantívose relativamente estábel, a pesar de que o resto de firmas de renovábeis que cotizan nos mercados españois experimentaron fortes subas nas súas cotizacións, e lonxe dos 21,3 euros que marcou en xaneiro de 2021. 

Por baixo prezo obxectivo

Os donos de Greenalia toman esta decisión nun momento chave para a empresa, con moitos proxectos pendentes de  concretar que poderían elevar notabelmente a súa capacidade de xeración eléctrica, e ás portas de dar o salto ao mercado continuo, o que daría un pulo significativo á súa cotización.

De feito, as firmas de análise que seguían o valor atribúen a compañía galega de renovábeis un prezo obxectivo superior ao que ofrecen Manuel García e  José María Castellano. 

En concreto, Santander sitúa o prezo obxectivo de Greenalia nos 18,5 euros por acción. O Sabadell ascende até os 20,8 euros, mentres que Gaesco atribúelle na súa última análise un valor de 23,4 euros por título.  Incluso Morningstar publicou onte ─após o anuncio da OPA─ a súa análise, con data 5 de maio, no que fixa o prezo obxectivo nos 18,03 euros.

Comentarios