O Estado español convértese no segundo importador de gas natural licuado ruso

A UE compra máis da metade do GNL procedente de Rusia.
Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
photo_camera Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).

A pesar do obxectivo de abandonar o combustíbel fósil ruso para 2027 marcado polos Estados da Unión Europea (UE), estes teñen previsto importar este ano un volume récord de gas natural licuado (GNL) ruso.

Desta maneira, entre xaneiro e xullo de 2023 as importacións de GNL ruso da UE aumentaron 40% respecto ao mesmo período de 2021 (ano previo á invasión de Ucraína), segundo sinalou un informe da organización internacional Global Witness baseado en datos da empresa de importacións e exportacións a nivel global Kpler.

Nos primeiros sete meses do ano, reportou o informe, o Estado español converteuse no segundo maior comprador de GNL ruso, facéndose con 18% das exportacións totais de Moscova, tan só por detrás da China (20%). Durante o mesmo período do ano 2021, o Estado español ocupou o quinto lugar.

Estímase que, en conxunto, os Estados da UE gastaron case 5.300 millóns de euros comprando máis da metade de todo o GNL de Rusia durante os primeiros sete meses de 2023. O GNL ruso supuxo 21,6 millóns de metros cúbicos e 16% do total das importacións de GNL da UE, de acordo coa empresa Kpler.

Global Witness sinalou que o aumento parte dunha base baixa, xa que a UE non importaba cantidades significativas de GNL antes da invasión de Ucraína xa que dependía do gas procedente de Rusia por medio de gasodutos. Con todo, o aumento é moito maior que a media mundial nas importacións de GNL ruso, que foi de 6% durante o mesmo período.

O portavoz de Global Witness, Jonathan Noronha-Gant, cualificou de "chocante que os Estados da UE se esforzaran tanto por desprenderse do gas ruso para substituílo polo seu equivalente transportado en buques". Salientou que "non importa se procede dun gasoduto ou dun barco: significa que as empresas da UE están a enviar miles de millóns" a Rusia.

Nerviosismo

As instalacións da UE de almacenamento subterráneo de gas están cheas nunha porcentaxe de 92,53% (12,54 puntos porcentuais máis que a media desta data nos últimos cinco anos), cuns 101.700 millóns de metros cúbicos de gas nelas. Porén, no mercado comunitario hai nerviosismo por se se reducen as subministracións no futuro.

Comentarios