A candidatura da Xunta para Altri fica fóra dos Next Generation

A proposta de Rueda "incumpre" as premisas da UE
A ministra Nadia Calviño. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ministra Nadia Calviño. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, asegurou onte que o Executivo "tivo en conta todos os proxectos" das autonomías, excepto o de Altri da Xunta da Galiza, debido aos criterios que impón a UE. 

A este respecto, o Goberno español incluíu na addenda –documento adicional– ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia 18 reformas "complementarias" ás pactadas con Bruxelas no seu día, entre as que se incorporan medidas en materia enerxética, laboral e de impulso ao fortalecemento da autonomía estratéxica. O Consello de Ministros deu onte o seu visto e prace a esta addenda, que contempla uns 10.300 millóns de transferencias adicionais dos fondos Next Generation e o programa REpowerEU, que se destinarán a reforzar os Pertes –proxectos estratéxicos–  xa en marcha, e 84.000 millóns en 
empréstitos.

Fontes do Executivo español explicaron que algunhas das reformas incluídas nesta addenda teñen a ver coa adaptación á actual situación enerxética após o inicio da guerra en Ucraína ou o funcionamento do mercado laboral. Non se aborda, con todo, modificacións de impostos.

O Estado español sumouse a outros como Alemaña, Finlandia, Estonia ou Portugal, que solicitaron a revisión dalgúns fitos e obxectivos para asegurar o aproveitamento de todos os fondos europeos Next Generation. "A inflación é un dos elementos que se tomaron en conta á hora de valorar a modificación", recoñecen desde o Ministerio de Economía.

Negociacións

A aprobación no Consello de Ministros prodúcese após meses de reunións interministeriais, coas comunidades autónomas, os grupos parlamentarios e os diferentes axentes sociais.

Entre as novidades que inclúe está o Fondo de Resiliencia Autonómica, dotado con até 20.000 millóns de euros para o financiamento, en colaboración co Grupo do Banco Europeo de Investimentos, de proxectos de investimento sostíbel das comunidades e que se darán con "criterios obxectivos". Estes investimentos realizaranse en vivenda social e rexeneración urbana; transporte sostíbel; competitividade industrial e das pemes; I+D; turismo sostíbel; xestión de augas e residuos e transición enerxética.

Pola súa parte, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, acusou onte o Goberno estatal de tramitar "de costas" ás comunidades autónomas esta addenda e advertiu de que "non parece razoábel" aprobala "en plena campaña electoral" dos comicios estatais do 23 de xullo.

Comentarios