Análise

Eólicos, CCOO e territorios de sacrificio

Fernando Branco Parga é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
Vistas sobre a ría de Muros e Noia desde o miradoiro situado no alto do monte da Muralla (Foto: Andrés García).
photo_camera Vistas sobre a ría de Muros e Noia desde o miradoiro situado no alto do monte da Muralla. (Foto: Andrés García).

Para un coñecido historiador económico, de calquera acción ou omisión cada persoa obtén unha ganancia ou unha perda, e provoca unha ganancia ou unha perda a algunha outra, valorada por esta; polo tanto, clasifica os seres humanos en catro categorías fundamentais: incautos, intelixentes, malvados e estúpidos. As dúas últimas poden gañar ou perder, mais sempre causan perdas ou ganancias frustradas ao resto. 

O anterior vén a conto da campaña orquestrada na defensa de máis eólicos na Galiza na que participan diferentes actores, desde a patronal do sector até o sindicalismo español, pasando pola propia Xunta de Galiza, e que se espalla desde os medios públicos galegos e tamén dun coñecido xornal (nota: non é posíbel a relación entre as categorías anteriores e os actores, sobran categorías).

Que a patronal e a Xunta coincidan ten a súa lóxica, xa que a planificación deste sector, por abandono intencionado da Administración, está feita pola propia patronal; a Xunta non deixa de ser unha xestoría. Mais a colaboración entregada do sindicalismo español, ao que se lle debería supoñer –igual é moito– unha certa visión crítica e na procura de avances sociais, é merecedora de comentario.

Singular o de CCOO, cun discurso que, pola súa simpleza aínda que pretendan vestila de tecnócrata, podería ser asinado perfectamente por Vox ou por Ayuso; dividen entre bos, ou sexa, os que queren a reindustrialización de Galiza e para iso os eólicos son fundamentais, e negacionistas, que prefiren unha Galiza atrasada e que, segundo a súas propias palabras son "dun rancio soberanismo".

A simpleza do discurso cae pola nula argumentación. Se a IV revolución industrial (como alardea CCOO) depende dos eólicos, por que Galiza non está xa industrializada cando é a comunidade onde hai máis eólicos por quilómetro cadrado de todo o Estado? Aínda máis, o ano que vén de rematar, o noso país xerou máis do 150% da electricidade que consome, e a de orixe renovábel superou o consumo interno; xa que logo, a que dedicamos eses excedentes eléctricos: a ter prezos máis baixos no país, a evitar a pobreza enerxética, a favorecer a economía produtiva galega? Ou, pola contra, a dividendos das eléctricas, ningunha galega e moitas públicas doutras administracións? Iso é o que debe mudar, antes de construír sabermos o beneficio para o país.

Industria e investigación

A patronal eólica vén de publicar un informe sobre o sector eólico no Estado e, entre outras cousas, informa de que hai 10 veces máis patentes eólicas en Madrid, que non ten ningún parque eólico, que na Galiza; é dicir, nin sequera no propio sector eólico temos industria nin investigación.

Se a cuarta revolución industrial depende dos eólicos, por que Galiza non está xa industrializada se é onde hai máis eólicos por km2 do Estado? 

Galiza, para a patronal eólica e para os seus "comerciais", sexan estes a Xunta ou os sindicatos españois, non é outra cousa que un territorio de sacrificio, lugares onde se instalan centros de xeración eléctrica, que non reciben ningún beneficio real por esa actividade e que serven para fornecer o consumo ás grandes urbes e industrias que, as máis das veces, están moi afastadas.

Mais para ser un territorio de sacrificio non abonda con ter o recurso para producir (auga, vento, biomasa, sol), tamén é preciso que sexan zonas deprimidas socio-economicamente para facilitar así a instalación das centrais eléctricas, por un baixo custo económico para a patronal eléctrica, ademais de adaptarlle o marco lexislativo para eliminar calquera traba aos seus proxectos. 

Na súa ignorancia, CCOO fala de "rancio soberanismo" para pretender ridiculizar os colectivos que se enfrontan aos obxectivos da patronal eólica; semella que descoñecen as protestas semellantes no Bierzo, en Granada, Asturias, Aragón, etc., ou é que tamén hai alí perversos nacionalistas? Poderían comprobar como estes conflitos existen noutras partes do mundo. Territorios de sacrificio hai moitos na Terra.

E a UGT? O seu representante que subscribe os artigos é un coñecido no mundo sindical de Endesa por asinar, sen consultar, un convenio colectivo que lle entregou á empresa 515 millóns de euros da provisión dos dereitos sociais do persoal activo e pasivo da empresa, e que, ademais, acordou o traslado de traballadores e traballadoras da térmica fóra de Galiza, cando el quedou nas Pontes. En fin, todo un "exemplo" sindical.

O dito, os "comerciais" das empresas eléctricas seguirán espallando os seus artigos para favorecer os seus donos, nunca ao noso país, porque tamén as terras de sacrificio defínense pola existencia deste tipo de organizacións que, baixo unha aparencia técnica, son representantes da especulación. A súa categoría é evidente.

Comentarios