Análise

As eléctricas e a chantaxe das PPAs

Quico da Silva é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
Coa sinatura de PPA (acordos de compra-venda de enerxía entre compañías eléctricas e consumidores) as empresas eólicas gañan si ou si. (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera Coa sinatura de PPA (acordos de compra-venda de enerxía entre compañías eléctricas e consumidores) as empresas eólicas gañan si ou si. (Foto: Luis Vilanova).

As "portas xiratorias" fan referencia á capacidade de influencia das grandes empresas eléctricas nos cargos públicos, a calquera nivel, que rematan entrando en nómina desas empresas. Mais son algo máis, tamén afectan algúns medios, algunhas organizacións sociais (como a plataforma promovida polo PSOE galego) e sindicatos estatais, que fan parte da campaña impulsada pola patronal do sector, e que ás veces semellan os seus comerciais.

Galiza ten na actualidade 3.880 MW de eólica instalada e, como recolle o informe publicado recentemente polo seu Consello Económico e Social, isto supón ter a maior densidade de potencia eólica do Estado por quilómetro cadrado, sen contar outros 8.000 MW xa autorizados.

As eléctricas procuran ocupar ao máximo as denominadas zonas ADE (Áreas de Desenvolvemento Eólico), establecidas no Plan sectorial eólico de 1997; mais non lles chega, e para iso contan coa colaboración da Xunta, que permite instalar novos parques fóra delas, sempre que realicen PPAs (Power Purchase Agreement), que son contratos bilaterais de compra-venda de electricidade entre unha eléctrica e unha empresa consumidora, a un prezo acordado ("competitivo", sen maior concreción) e a longo prazo. É a autoescusa da Xunta, que primeiro define ADEs e despois fai a trampa.

Negocio privado

Os parques que contratan as PPAs –insistimos, un negocio puramente privado entre dúas empresas– teñen por lei, como calquera actividade eléctrica, dereito a utilidade pública, é dicir, a expropiar. Isto é: dúas empresas fan negocio e a propiedade dos terreos vese obrigada a malvender forzosamente, a prezos que non inclúen o recurso eólico ligado.

E, feito todo isto, xa entra a chantaxe. A partir deste momento calquera empresa dun certo tamaño que se queira instalar na Galiza, aínda que non sexa electrointensiva, recibirá a oportuna visita do comercial do sector eléctrico ofertándolle unha PPA; e, se pola presentación dunha demanda ou por calquera motivo, non se autorizasen os parques, o discurso é ben simple: o proxecto industrial pode non materializarse e perigan os postos de traballo, sen procurar calquera outra responsabilidade, como onde pretendían instalarse os parques, todo o resto pasa a un segundo plano.

Dúas empresas fan negocio e a propiedade dos terreos vese obrigada a malvender forzosamente a prezos que non inclúen o recurso eólico

Cunha PPA a empresa eólica gaña si ou si, pois, ademais de facilitarlle o seu financiamento, se a empresa consumidora pecha ou consome menos do previsto, a promotora do parque vai seguir facendo o seu negocio, vendendo electricidade mediante o mercado eléctrico, máis rendible que as poxas ou novas PPAs.

Por iso vimos asistindo a toda unha campaña planificada e orquestrada pola patronal eólica coa colaboración de diferentes axentes, baixo a demanda de non alegar contra a instalación de parques eólicos, con independencia de onde pretendan montarse, só pena de perder emprego industrial das empresas coas que ditos parques teñen asinados PPAs.

Industrialización

Neste xogo tramposo, tampouco se di que as industrias consumidoras non están obrigadas a facer PPAs con parques eólicos en tramitación e/ou da contorna, poden facelas con calquera punto do Estado, mesmo de Europa, con parques novos ou xa en funcionamento. 

Shell, sen apenas capacidade instalada no Estado, vén de facelo con ArcelorMittal para as súas acerías en Bizkaia, Gipuzkoa e Xixón; Repsol coa empresa Charles River Laboratories International para cubrir as súas necesidades europeas cun parque en Aragón; ou Acciona, EDPR e Enel coa farmacéutica europea Novartis con plantas e parques en Andalucía, Aragón e Estremadura. Son só algúns exemplos recentes.

O sistema das PPAs para aprobar parques contrasta co do concurso eólico de 2008 da Consellaría de Industria do BNG, anulado ilegalmente polo PP, que adxudicou uns 2.300 MW coa obriga, entre outras, de implantar novos proxectos industriais asociados; ou co dos chamados Concursos de Transición Xusta –os mesmos que se lles están a negar a Cerceda e As Pontes–, que tamén demandan dita ligazón entre novo proxecto, renovable-novo, proxecto industrial asociado; nesa orde, con beneficios socioeconómicos colectivos. 

Ademais, dicir que máis eólicos é igual a máis industrialización non se sostén; de ser certo, Galiza sería unha potencia industrial cos seus actuais 3.880 MW eólicos, fronte aos 160 MW de Euskadi e os 0 MW de Madrid. Damos por feito que as industrias vascas e madrileñas están fuxindo cara a Galiza, non si?

Nesta confusión, as empresas eólicas e os seus colaboradores fan uso das súas PPAs ou "Portas pola Parte de Atrás", sen beneficio algún para o país. Por iso tamén, 'Non así'.

Comentarios