EDF Solar fecha 2019 con 500 instalacións de autoconsumo

A firma pontevedresa ten pedidos en curso para a instalación de 40 megavatios solares.
frigalsa4
photo_camera Instalación de autoconsumo en Frigalsa. (EDF Solar)

2019 foi un novo ano de éxitos para a firma pontevedresa EDF Solar. A sociedade, especializada en instalacións de autoconsumo industrial, rematou o ano cun incremento de 60% da súa actividade, o que se traduce en 500 obras executadas cunha potencia total instalada de 28 megavatios (MW). Por se fose pouco, contan xa para este ano con pedidos en curso por máis de 40 MW, o que reflicte o forte crecemento que experimenta esta compañía. Con estes datos, EDF Solar, unha das firmas galegas candidatas a engrosar a lista de cotizadas no Mercado Alternativo Bursátil (MAB), consolida a súa posición como líder no Estado español do mercado de instalacións de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo industrial. 

Nos seus máis de 11 anos de existencia, EDF Solar leva realizados 1.589 proxectos nos que instalou 346.574 paneis solares, segundo detalla nun vídeo publicado na súa web no que fai balanzo do ano. No mesmo destaca que a compañía conta xa con delegacións en todo o Estado (hai tan só dous anos que comezaron a crecer con forza fóra da Galiza), nas que traballan máis de 120 profesionais ao servizo dos máis de 1.000 clientas con que conta esta firma pontevedresa.   

Entre os seus desexos para o ano en curso, á parte de seguir mellorando os seus resultados, a compañía que preside Fernando Romero pide estabilidade no sector, a simplificación dos trámites necesarios para poñer en marcha instalacións de autoconsumo de máis de 100 quilovatios (kW), a eliminación das trabas ao autoconsumo no que atinxe ao acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía, ou favorecer e garantir a xeración eléctrica distribuída. Outra das súas peticións é a formación dun Goberno estábel que axilice os mecanismos para unha transición enerxética xusta, un desexo que podería verse cumprido en breve. 

Comentarios