DomusVi suma beneficios millonarios mentres reduce a atención nas residencias

A firma matriz das residencias DomusVi, GeriaVi, aprobou un beneficio de máis de 10 millóns de euros ao pouco de comezar o confinamento. A compañía enfróntase agora a varios procedementos xudiciais pola súa xestión da crise da Covid-19, e tamén ao descontento das súas traballadoras pola falta de persoal para atender a clientela.
Alberto Núñez Feixoo, Josefina Fernández e Ana Pastor, no acto de entrega dun galardón á responsábel de DomusVi en 2016 (circulo.gal)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Josefina Fernández e Ana Pastor, no acto de entrega dun galardón á responsábel de DomusVi en 2016 (circulo.gal)

DomusVi presentou o pasado mes de marzo unhas contas nas que declaraba uns beneficios millonarios, que daban conta do bo negocio que estaba a facer coas residencias galegas, tristemente protagonistas durante a crise da Covid-19 por concentrar un alto número de falecementos que mesmo está a ser investigado pola xustiza.

Segundo as contas consolidadas da compañía a 31 de marzo e recollidas por Economía Digital, GeriaVi, a matriz do holding, obtivo en 2019 un beneficio antes de impostos de 19,5 millóns de euros, e de algo máis de dez millóns unha vez descontadas as cargas fiscais.

A prestación de servizos supúxolle uns ingresos de 17,2 millóns, máis os custos financeiros, sobre todo ligados á compra de activos, fixeron que a matriz fechase o exercicio cun resultado negativo de 11,7 millóns, segundo estas fontes. A compañía, que non foi quen de facer unha estimación do impacto da Covid-19 na súa análise das contas, realizara o pasado mes de febreiro unha ampliación de capital de 7,69 millóns de euros, á que se sumou o pasado mes de maio unha emisión de obrigas de 115 millóns de euros, máis débeda para financiarse nun momento no que os nubarróns comezan a aparecer polo horizonte. 

Orixe nas antigas caixas de aforro galegas

GeriaVi é a sociedade matriz dun holding con sede en Vigo do que colga DomusVi, un grupo con 198 residencias de maiores e centros de día repartidos polo Estado español, que suma 25.000 prazas. Na Galiza conta 18 centros privados, mais tamén leva a xestión doutras 12 residencias de titularidade pública, tres delegacións de teleasistencia, dous centros de día e un de atención á discapacidade.

A súa orixe está en Geriatros, unha firma fundada por Caixanova, que após a fusión con Caixa Galicia crearía o maior grupo de centros asistenciais da Galiza, con 27 residencias, 20 centros de día e seis servizos municipais de asistencia domiciliaria.

En 2012, xa como Novagalicia Banco, a entidade vendería Geriatros por 45 millóns de euros ─e 9 de plusvalía─ ao fondo luso Magnun Capital, que promoveu o seu crecemento fóra da Galiza. En xullo de 2015, hai agora 5 anos, o grupo volvería cambiar de mans. A francesa Pai Partners pagaría a Magnum 440 millóns de euros polo grupo de residencias, que medraría ao ano seguinte coa absorción de SarQuavitae, converténdose no líder do mercado estatal por número de camas (máis de 15.000).

GeriaVi foi a denominación elixida para o grupo resultante, participado na súa totalidade por HomeVi, sociedade na que ademais de Pai Partners están as empresas DV France e Investor Grouwth Capital. Á fronte do novo grupo o fondo situou a Josefina Fernández, accionista minoritaria de Geriatros e actual conselleira delegada.

Críticas á xestión

Os millonarios beneficios, aínda que menores que os do ano anterior, no que o resultado antes de impostos logrou os 22,3 millóns de euros, poderían verse reducidos no presente exercicio, non só pola caída da actividade, senón tamén polas consecuencias que poderían presentar as reclamacións que teñen en marcha colectivos como Rede e a asociación Vellez Digna, que co apoio da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) están a preparar unha denuncia colectiva contra DomusVi pola xestión das residencias durante a crise do coronavirus. A esta causa sumaranse tamén as denuncias penais de particulares das familiares das vítimas rexistradas nos centros de Matogrande (A Coruña), O Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas), estes dous últimos intervidos pola Xunta, que suman case a metade dos falecementos relacionados coa Covid-19 na Galiza.

Pero esta non é a única fronte que teñen aberta as responsábeis de DomusVi. Nas últimas semanas, coa volta da actividade ás residencias, colectivos como TreGa (Traballadoras de Residencias da Galiza) retomaron as mobilizacións iniciadas hai máis dun ano para denunciar "a endémica falta de persoal" nos centros de DomusVi e o "retorno aos mecanismos antigos de malas prácticas".  Desde o inicio da  pandemia, 274 usuarios e usuarias das residencias da terceira idade faleceron na Galiza a causa do coronavirus, 44,2% do número total de mortes.

Segundo alerta TreGa, máis de 150 dos decesos proceden de centros privados xestionados polo grupo empresarial con sede en Vigo, "unha cifra terríbel, da que en parte son responsábeis as malas prácticas e as neglixencias coas que vén operando DomusVi nos últimos anos", pero tamén da Xunta, á que acusan de mirar para outro lado.

Comentarios