A dixitalización e a transición xusta, chaves para dinamizar o rural galego

As expertas convocadas polo Foro Económico falan dunha xestión "desconectada e ineficiente" por parte das Administracións no rural. 
Un dos aspectos sobre os que chaman a atención os membros do Foro Económico é a falta de formación profesional no rural (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un dos aspectos sobre os que chama a atención o Foro Económico é a falta de formación profesional no rural (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Algo está a mudar no medio rural galego. Cando menos así o ven as expertas que esta semana participaron na X Reunión Casal de Armán, organizada polo Foro Económico da Galiza e que tivo como fío condutor a gobernanza do medio rural. 

Segundo destacaron as persoas expertas que participaron no encontro, o rural galego concentra no seu territorio os recursos naturais e boa pare do patrimonio cultural do país, un atractivo que se viu acrecentado pola crise da Covid-19, xa que puxo o foco fóra dos grandes núcleos de poboación. 

Neste escenario, ábrense novas oportunidades para o medio rural, que aínda padece problemas como a falta de conectividade nun mundo no que o uso da tecnoloxía está cada vez máis estendido. 

Precisamente, a dixitalización é un dos eixos nos que as expertas cren que se deben basear as estratexias para dinamizar o interior da Galiza. Outro sería a transición ecolóxica cara modelos máis sostíbeis, en consonancia cos obxectivos de Bruxelas, que levarán as explotacións gandeiras e agrícolas a actualizar os seu modo de producir para facelo máis respectuoso co medio.

"Parece evidente que a transición demográfica introduce o desafío de acelerar os procesos, entre eles  o da transición ecolóxica, que está dirixida claramente cara ao medio rural", apuntan desde o Foro. 

"As novas estratexias na competencia internacional traballan con variábeis de desenvolvemento económico equilibrado do que volverán formar parte zonas até hai pouco esquecidas.Tamén a dixitalización e o impulso da economía sostíbel abren un novo escenario con claras oportunidades de crecemento", inciden as expertas.

Xestión administrativa

No que atinxe ás carencias detectadas, unha das conclusións do encontro foi que a superposición administrativa de políticas públicas, normativas, incentivos, etc provoca unha xestión "desconectada e ineficiente". De aí que a primeira recomendación das expertas reunidas en Casal de Armán sexa a necesidade dun cambio de paradigma na toma de decisións, cun novo modelo administrativo que garanta a maior eficiencia para os territorios rurais.

Neste senso, un dos expertos convidados, Serafín Pazos, responsábel de política europea da Convención de Autoridades Locais Escocesas (Cosla) expuxo o modelo de Escocia, un territorio moito mais grande que Galiza pero con menos concellos. Porén, Pazos matizou que a mellora na xestión non estriba no número de concellos senón na repartición de competencias, para axustar o tamaño do concello ás competencias que pode xestionar e ás fórmulas de financiamento dos servizos.

Pola súa banda, o director do Foro Económico, Santiago Lago, tampouco cre que as fusións sexan a panacea. "Hai que ser pragmáticos e analizar caso a caso", considerou.

Por último, o presidente do Foro, Emilio Pérez Nieto, fixo fincapé na falta de formación no rural. "O campo está ausente da Formación Profesional, as gandeiras e agricultoras non teñen a formación necesaria e existe unha clara fenda entre zonas urbanas e rurais", advertiu.

Comentarios