Análise

Distribución eléctrica pública

Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco conforman o Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
Torre de distribución de electricidade de alta tensión no medio de campos de labranza na Galiza. (Foto: Juanmi).
photo_camera Torre de distribución de electricidade de alta tensión no medio de campos de labranza na Galiza. (Foto: Juanmi).

Das catro actividades que conforman o sector eléctrico: xeración, transporte, distribución e comercialización, a primeira e a última son actividades, en teoría, en competencia e libre mercado dende a reforma de Aznar en 1997; mais, no caso da xeración, o número de empresas é moi limitado en comparación co número de clientes e, na comercialización, as pequenas empresas independentes están a sufrir pola elevada carga financeira derivada dos altos prezos da electricidade, controlados polos poucos e grandes grupos de xeración.

Pola contra, as outras dúas actividades, o transporte e a distribución, son reguladas e a súa retribución, vía tarifa eléctrica, é cuantificada cada ano pola Comisión Nacional do Mercado da Competencia. Estas dúas actividades son as denominadas Peaxes do Sistema Eléctrico, cuxas retribucións actuais, con algunha diferenza en cada ano, están na contorna dos 1.200 millóns de euros para o transporte e uns 5.200 para a distribución.

O que hoxe se considera un monopolio natural de Naturgy ten a súa historia, e non foi iniciativa só privada e en competencia

As cinco grandes empresas distribuidoras

O transporte encárgase, entre outros elementos, da rede, das liñas de 220 kV e superiores e das de interconexións entre estados, sendo responsabilidade da empresa Redeia (antes Rede Eléctrica Española, REE), que está baixo control público e que actúa en réxime de monopolio.

Pola contra, a distribución, responsábel das liñas de tensión inferior a 220 kV, que son as que levan a electricidade até ás portas dos clientes, sexan domésticos ou industriais, está xestionada por empresas privadas, sen competencia no seu ámbito territorial, no que se denomina monopolio natural.

De feito, a distribución supón un reparto do Estado en dez zonas por parte das cinco grandes empresas eléctricas: Iberdrola, Endesa, Naturgy, EDP e Viesgo; no caso de Galiza, a distribución corresponde maioritariamente a Naturgy (Unión Fenosa Distribución) e, dun xeito minoritario e na zona norte do país, a Begasa (Viesgo).

De Fenosa a Naturgy

Estes monopolios naturais son a herdanza da creación, en cada territorio, das empresas eléctricas e a súas posteriores fusións; por iso, no caso galego, Naturgy non deixa de ser a empresa que ocupa o territorio da antiga Fenosa, e anteriormente coñecida como a Sociedade Xeral Galega de Electricidade.

Nese proceso de fusións empresariais, que logo deu lugar a Fenosa, tamén está a confiscación, no ano 1936, da Electra Popular Coruña, fundada en 1932 por Xosé Miñones (Corcubión), asasinado polos franquistas no Campo da Rata. Esta empresa tiña activos de xeración en Paderne (As Mariñas), As Pontes (Eume) e A Coruña, e distribuía en Betanzos (As Mariñas), A Coruña, Ferrol, Pontedeume (Eume) e Sada (A Coruña). Electra Popular Coruñesa, xa confiscada, foi fusionada coa coruñesa Fábrica de Gas e Electricidade.

Mais o desenvolvemento da distribución eléctrica na Galiza non se pode adxudicar en solitario á iniciativa dunha empresa, neste caso Fenosa, senón que houbo tamén toda unha lexislación que permitiu e deu cobertura á súa implantación, expropiacións polo medio e, tamén, cuantiosas subvencións públicas, nomeadamente os diferentes Plans Mega (mellora eléctrica de Galiza) para levar liñas eléctricas alí onde Fenosa non vía interese económico. É dicir, o que hoxe se considera un monopolio natural da empresa Naturgy tamén ten a súa historia, e non toda foi iniciativa exclusivamente privada e en competencia.

Competencia

Na regulación do sector eléctrico decidiuse que Redeia (REE) quedase co transporte e as cinco grandes do sector coa distribución, o que para nós é unha anomalía, xa que debería ser o transporte en mans estatais, mais a distribución tamén debería estar baixo control público, pero das Comunidades Autónomas, coa obrigada coordinación e planificación conxunta.

Isto suporía asumir a responsabilidade, en cada Comunidade Autónoma, da calidade do subministro eléctrico e, tamén o seu desenvolvemento sobre necesidades futuras, o que evitaría a situación actual dos anuncios de proxectos empresariais con dificultade de subministro eléctrico nun país que, no pasado ano 2023, exportou 42% da electricidade xerada.

Dende o Colectivo Bidán somos conscientes da dificultade para conseguir esta proposta, derivada, por unha banda, da previsíbel férrea oposición das grandes eléctricas a entregar docilmente a torta do negocio da distribución que, sen ningunha competencia, tantos beneficios lles dá, e, por outra, dun proceso que, coa lexislación actual, de seguro supón un alto custo en expropiación.

Mais é outra proposta que entendemos precisa, xunto coas que temos formulado nos últimos anos sobre este ámbito, se queremos que o sistema eléctrico estea ao servizo do conxunto da sociedade galega.

Comentarios