Xustiza

Dez persoas son denunciadas pola Fiscalía por presuntos delitos fiscais a través da firma Hiperxel

Segundo cálculos da Fiscalía, en 2017 defraudaron 271.773 euros, no 2018 1,3 millóns, e no ano 2019, 119.000.
Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)
photo_camera Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)

O Ministerio Fiscal interpuxo unha querela contra dez persoas por tres delitos contra a Facenda Pública. Presuntamente, estaban implicadas na adquisición da cadea de tendas especialistas en alimentos conxelados Hiperxel. A querela foi interposta no xulgado de Instrución decano de Marín (O Morrazo), polo que se abriu un  procedemento xudicial.

A partir de aí, espérase que se incoen as probas correspondentes, momento no que se coñecerá que persoas quereladas acudirían aos xulgados como citadas para prestar a súa declaración. 

En 2021 foi cando a compañía viguesa Iberconsa vendeu a súa participación en Xeldist Conxelados, matriz de Hiperxel, a Vinova Group. Detrás desta sinatura estaban os empresarios Eusebio Novas e Juan José Villamizar, agora querelados.

Tras a suposta trama, na que utilizaban a banca para comprar peixe a crédito a empresas de terceiros Estados, sobre todo de Noruega, para despois revendelo sen declarar e sen pagar aos provedores, tamén estarían outras tres persoas e cinco compañías máis (chamadas Pescados Costa Mogor, Vaporgusto, Ditsch, Congelados Cíes e Antorres), actualmente no albo do Ministerio Público.

Segundo cálculos da Fiscalía, en 2017 defraudaron 271.773 euros, no 2018 1,3 millóns, e no ano 2019, 119.000. Con estas cantidades, nos tres exercicios superaron a contía mínima fixada para que constitúa un delito contra a Facenda Pública.

270 empregos perdidos

Representantes do persoal e a dirección de Hiperxel asinaron en xuño a acta do acordo para solicitar ao xulgado un ERE (expediente de regulación de emprego) de extinción, aprobado en xullo, que supuxo baixar a reixa de forma definitiva do centenar de tendas da compañía na Galiza e o despedimento dunhas 270 persoas, maioritariamente mulleres.

Comentarios