O administrador concursal prepara un ERE extintivo en Alu Ibérica

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña volve pedir á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) que interveña as plantas da antiga Alcoa.
Concentración dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica na Coruña en xaneiro de 2021. (Foto: CCOO)
photo_camera Concentración dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica na Coruña en xaneiro de 2021. (Foto: CCOO)

A situación dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica na Coruña empeora por momentos. Ao igual que anunciaran para a de Avilés, o administrador concursal da antiga factoría de aluminio de Alcoa na cidade herculina vén de comunicar ao comité a presentación dun ERE extintivo

Así o comunicou o administrador concursal á representación do persoan nun encontro que mantiveron esta sexta feira, no que lles explicou que ían solicitar ao Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña executar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para a extinción colectiva da totalidade dos contratos dos traballadores e das traballadoras da empresa.

Nesta mesma liña, o responsábel da administración da compañía durante o proceso concursal instou o comité a constituír unha comisión representativa dos traballadores no prazo de sete días.

Mesa industrial

Ante esta "delicada situación" desde o comité volven exixir ao Ministerio de Industria e á Xunta da Galiza que convoquen "de urxencia" a mesa industrial de Alu Ibérica e que cumpran os seus compromisos para o mantemento do emprego

De non facelo, indican "o Administrador Concursal é só o mecanismo para o despedimento do persoal, sendo as responsábeis e  executoras as propias administracións, que están a traizoar aos traballadores logo de prometerlles e mentirlles con solucións".

Para o comité, nestes momentos a  unica solución de urxencia é que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) interveña temporalmente as plantas para devolvelas logo ao mercado privado cun proxecto industrial de percorrido.

As últimas informacións apuntaban o interese de dúas firmas para facerse co control da sociedade, en concurso de acredores, mais descoñécese se se avanzou algo nesa vía.

Comentarios