A Deputación ultima outra axuda para os negocios afectados pola pandemia

A institución pontevedresa vai aprobar un incremento da liña de crédito que xa se repartira entre os municipios co mesmo obxectivo. Esta nova liña de subvencións servirá para achegar aos sectores danados o 1% do orzamento.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a comparecencia. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera A presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a comparecencia. (Foto: Deputación de Pontevedra)

As entidades locais seguen a procurar un impulso das economías máis próximas debido aos efectos da pandemia na Galiza. Con esa estratexia traballa, por exemplo, a Deputación de Pontevedra que vén de anunciar que o próximo pleno extraordinario aprobará un suplemento para as axudas existentes de máis de 1,6 millóns de euros.

Dado que xa se habilitara unha subvención a través do Plan Concellos, esta nova iniciativa implica o investimento de 7,6 millóns de euros nos negocios produtivos que están a padecer o coronavirus.

“En 7 días dende que se rompeu a negociación porque a Xunta non quixo acordar, esta Deputación ten xa todo preparado para achegar o 1% do noso orzamento aos sectores afectados pola pandemia”, destacou a presidenta da administración, Carmela Silva.

Desde o seu punto de vista, isto demostra que na Deputación atenden aos “compromisos”. Malia que son fondos da entidade, son os concellos os que os están a xestionar e a repartir como consideran. 

O novo programa “atende a criterios obxectivos, é áxil e tamén coherente, dando resposta inmediata aos compromisos adquiridos”.

Silva aproveitou para recordar que, malia a colaboración de entidades locais e provinciais, as competencias de carácter económico “son exclusivísimas da Xunta da Galiza, que é a que ten que habilitar os recursos”.

Neste sentido, comentou que o Executivo de Alberto Núñez Feixoo recibiu 224 millóns de euros no 2020 do Goberno do Estado español aos que se sumarán outros 441 que recibirá no exercicio en curso. “Onde están eses recursos? A que se van destinar?, preguntou.

Comentarios