A débeda pública de Galiza incrementouse con Núñez Feijóo nun 120%

O PP chegou á Xunta en 2009 cun endebedamento equivalente ao 8,6% do PIB. Agora é do 18,9%, 10 puntos máis. O Consello de Contas advertiu de que se podía dar un “problema sobre a sostibilidade”.

Feijóo durante o acto de Balance do Goberno do PPdeG na Xunta en Castro de Rei (Lugo)

'Austeridade', 'contención do gasto', 'equilibrio' foron palabras que non faltaban estes anos nos discursos de presidente e conselleiros da Xunta. Pronunciadas ao tempo que se fiaba un discurso criminalizador do gasto público e xustificador duns recortes. Que se presentaban como necesarios e inevitábeis. Porén, ese discurso, ideolóxico, bate coa realidade dos datos. O presidente que fixo bandeira da austeridade elevou a débeda pública galega até límites descoñecidos.

Cando Feijóo chegou á Xunta, en 2009, a débeda pública era de 4.859 millóns de euros e representaba o 8,6% do produto interior bruto (PIB). No segundo trimestere de 2016 situouse nos 12.727 millóns de euros e o 18,9% do PIB. É un 120% de aumento a respecto de 2009.

2.000 euros máis por galego

Froito deste aumento, a débeda autonómica que soporta cada galego tamén experimentou un aumento mconsiderábel. Se no 2009 esta era de 1.756 euros por galego, agora anda abeirando os 3.800 euros, o que supón 2.000 euros máis por persoa que cando Núñez Feijóo tomou posesión.

O propio Consello de Contas alertaba no verán de 2015 do alto endebedamento da Xunta. O conselleiro maior deste organismo e ex-conselleiro de gobernos de Manuel Fraga, Xesús Palmou, advertía de que se podía dar un “problema sobre a sostibilidade” de se manter a situación. O presidente da Xunta afirmou, após esas advertencias do Consello de Contas, que un dos compromisos do seu goberno ía ser reducir a débeda pública. Desde entón, a débeda continuou aumentando. 

comentarios