As Pontes ten no lago unha nova mina para a xeración de enerxía solar

O Concello das Pontes conta desde o pasado mes de novembro cun informe no que se analizan os recursos de xeración eléctrica para aproveitar os nodos de conexión á rede da central de Endesa. Soltec, autora do informe, destaca o potencial da enerxía solar flotante sobre a superficie do lago e os encoros do Eume.
Torres de refrixeración da central térmica das Pontes (Foto: Endesa).
photo_camera Torres de refrixeración da central térmica das Pontes (Foto: Endesa).

O anuncio do fechamento da térmica das Pontes deixou a Xunta coa aposta pola queima de lodos de depuradoras e puríns xunto con combustíbeis fósiles como única alternativa industrial para As Pontes e a súa comarca. Porén o Concello xa se puxera a traballar noutras posíbeis alternativas para manter a actividade de xeración eléctrica. Un informe datado en novembro do ano pasado e ao que tivo acceso Nós Diario pon de manifesto o interese do Goberno local, presidido por Valentín González Formoso, de procurar o maior aproveitamento dos seus recursos. 

Como sinala o propio González Formoso, o obxectivo do informe, encargado á enxeñaría Soltec, "é buscar potenciais recursos enerxéticos de orixe renovábel sobre os que este municipio poida acometer unha reconversión industrial cara a un modelo máis sustentábel. Unha oportunidade para seguir á cabeza do sector enerxético deste país", engade o rexedor.

O nodo de conexión eléctrica existente nas Pontes conta cunha capacidade de entre 1.160 e 1.180 megavatios (MW) dispoñíbeis. Á devandita capacidade habería que sumarlle os 1400 MW ocupados pola central térmica das Pontes, o que daría un total de aproximadamente 2.580 MW listos para aproveitar por distintas fontes de xeración.

Alternativas analizadas

O informe de Soltec contempla varias alternativas enerxéticas. Unha delas é potenciar a capacidade hidráulica existente, por exemplo aproveitando o caudal que agora se emprega para refrixerar a central térmica (2,6 m3/s)  para elevar a 18,10 GWh/ano a capacidade de xeración eléctrica no encoro de Ribeira, no curso alto do Eume. Esta actuación, xunto coa creación de minicentrais en catro muíños en desuso no mesmo río e un bombeo forzado para derivar caudal do lago das Pontes ao encoro e aumentar a capacidade de xeración eléctrica levaría a aumentar de 26,68 MW a 44 MW a potencia instalada.

Outras das alternativas analizadas é a produción de biogás, que permitiría ao Concello das Pontes o aproveitamento dos residuos agroalimentarios e dos lodos da EDAR e sumaría unha potencia de 0,87 MW. No caso da xeotermia, a explotación do gradiente xeotérmico do lago permitiría aumentar esa potencia en 1,51 MW.

Pero o que máis chama a atención do estudo e a enorme capacidade de produción que ofrece a enerxía solar. Soltec avalía a súa implantación sobre a superficie do lago das Pontes, en solo na parte norte do mesmo, nos encoros de Eume e Ribeira e nas cubertas dos polígonos industriais, a zona de entullos, a Casa da Enerxía e outros edificios públicos das Pontes.

Comezando por estas últimas, o potencial total de xeración mediante enerxía solar en cubertas de edificios é de 2,72  GWh/ano. Tendo en conta os terreos dispoñíbeis no vertedoiro e anexos á Casa da Enerxía, o potencial ascendería a 31,14 GWh/ano.

No caso dos encoros, poderíase ocupar unha superficie de máis de 100.000 m2 (79.200 m2 no de Ribeira e 29.7300 m2 no do Eume). Cunha estimación de 1.500 horas equivalentes de irradiación solar ao ano, as instalacións fotovoltaicas nestes dous encoros posúen un potencial de xeración eléctrica de 5,94  GWh/ano no caso do encoro de Ribeira e 22,298  GWh/ano no encoro do Eume. Nada que ver cos 895,275 GWh/ ano que podería producir a solar na superficie do lago no caso de ocupar 90% da súa extensión. 

A mina volve estar no lago

Con todo, a firma de enxeñaría recoñece que dita extensión é "bastante improbábel" por realizarse no lago, que cubre o oco da antiga mina de lignito (fechada en 2007), outro tipo de actividades complementarias.

Empregando as mesmas constantes de partidas e o mesmo método de cálculo obtéñense 598,85 GWh/ano e 298,425 GWh/ano de enerxía eléctrica para unhas porcentaxes de cobertura de 60% e 30%, respectivamente, apunta o documento.

No concello das Pontes, sen ter en conta os combustíbeis de orixe fósil, o consumo total de enerxía acada os 79,126 GWh/ano, unha cantidade que podería ser cuberta tan só con 5% da enerxía eléctrica xerada por un parque solar flotante que cubrise 30% da superficie do lago.

Segundo o informe, a potencia instalada cunha cobertura solar de 30% do lago, incluíndo tamén a mesma porcentaxe en solo da superficie dispoñíbel ao norte do mesmo, sería de 575 MW e requiriría un investimento de 402 millóns de euros, cun retorno a 20 anos. Con 60% da superficie, o investimento elevaríase até os 686 millóns de euros e a potencia aos 980 MW. Se contamos ca dos encoros e cubertas, a potencia da solar instalada ascendería a 1.178 MW e 1.584 MW, respectivamente.

Comentarios