O Concello de Santiago pagará 1.000 euros por tratar de impedir pasar megafonía á CIG para o 1º de Maio

O TSXG desestimou o recurso formulado polo goberno local contra o auto ditado polo xulgado do Contencioso Administrativo número 1, polo que se autorizaba á CIG ao uso de megafonía e colocación de pancartas para o 1º de Maio. O tribunal imponlle ademais ao concello 1.000 euros polas costas xudiciais.

Non foi a primeira vez. Ao igual que o 27 de xaneiro do 2011, os Primeiros de Maio de 2011 e 2012, 14 de novembro do 2012 ou 10 de marzo do 2013, a CIG de Compostela tivo que recorrer ao xulgado para denunciar “a vulneración de dereitos fundamentais” ao non autorizar o Concello de Santiago a pasar megafonía, colocar faixas ou obter permisos para a lectura dun manifesto para a manifestación do Primeiro de Maio deste ano.

E ao igual que en todas esas ocasións, foi a xustiza quen deu autorización lembrando que “tal e como reiteradamente se ven sostendo neste mesmo Xulgado en casos similares ao presente, o exercicio dos dereitos fundamentais de manifestación e liberdade de expresión esixe, para que sexa realmente eficaz, dunha previa campaña de información e divulgación para o cal o uso da megafonía e a colocación de faixas ou voandeiras informativas constitúe un instrumento esencial".

O Concello de Santiago presentou un recurso de apelación do que o TSXG vén de facer pública a sentenza que considera probado que en dúas ocasións, o 2 e o 8 de abril deste ano, a CIG solicitou formalmente a autorización por escrito ao concello e que este non contestou, o que levou ao sindicato a presentar unha solicitude de medida cautelarísima para garantir o exercicio de dereitos fundamentais.

O TSXG considera que o prantexamento do concello non se axusta “á realidade, nin a dereito” e tampouco “ás exixencias xurídicas dos condicionantes da medida cautelarísima outorgada”.


 

Comentarios