Compostela reunirá ministros de 60 países que representan "21% do PIB global"

A vicepresidenta Nadia Calviño pon en valor o cumio que a capital galega acollerá os días 16 e 17 de setembro e no que recibirá as e os titulares de Economía e Finanzas dos Vinte e sete da UE e mais doutros 33 países de América Latina e o Caribe.
A vicepresidenta primeira do Estado español, Nadia Calviño, onte despois do Consello de Ministros e Ministras (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, nunha rolda de prensa. (Eduardo Parra / Europa Press)

A vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital en funcións, Nadia Calviño, destacou esta cuarta feira desde Bruxelas a relevancia da vindeira reunión informal de titulares das carteiras de Economía e Finanzas (Ecofin) da Unión Europea, un evento que acollerá Santiago de Compostela entre o 16 e o 17 de setembro e que xuntará ministros e ministras de 60 países que representan "21% do PIB global", pois á cita asistirán, canda os Vinte e sete da UE, outros 33 representantes de América Latina e o Caribe.

Calviño, durante a súa intervención no foro de debate anual organizado polo centro de estudos económicos Bruegel, no que tamén participará a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, lembrou que o Estado español, que este semestre ocupa a presidencia de quenda da Unión, é a "porta de entrada" que conecta a UE con América Latina, o Caribe e África. Aproveitando esa "relación especial", convidou máis dunha trintena de ministros latinoamericanos á cita.

"Será unha grande orquestra cunha axenda ambiciosa e interesante", aseverou a ministra, que toma así o relevo do cumio UE-CELAC do pasado mes de xullo e no que os líderes de ambas as partes acordaron reforzar os seus vínculos e alianzas, especialmente no que respecta a materia enerxética e de subministración de materias primas esenciais e na loita contra o cambio climático.

Neste senso, a vicepresidenta salientou que, tras a "agresión de Rusia a Ucraína" e a política de redución de compras de gas ruso, a UE "non pode depender dun único provedor" e debe reforzar a súa autonomía estratéxica, razón pola que novos acordos con outros socios son unha das principais prioridades da presidencia española do Consello.

Unha responsabilidade que, afirmou Calviño, o Estado español exerce con "firmeza e determinación, enerxía positiva e convicción" xa que considera que ten unha "boa oportunidade" para fechar algúns dos expedientes máis relevantes antes de fin de ano e dada a proximidade das eleccións europeas.

Outro deses dossieres "chave" será tamén o das novas regras fiscais da UE, que Calviño confía tamén en fechar antes de que acabe o ano xa que existe un "amplo consenso" entre os 27 respecto a os que o Estado español perfilou como os catro piares do acordo: o equilibrio institucional, as salvaguardias comúns, o espazo fiscal para investimentos e incentivos e a garantía dunha maior participación dos países da UE.

"Temos que ter listas as novas regras a finais de ano porque se non o facemos agora será difícil para a presidencia belga lograr moito máis progreso debido á celebración das eleccións europeas, o que pode resultar nunha vulnerabilidade para o próximo ano", advertiu.

Comentarios