venres 24/09/21
Suso García

“Coa folga queremos deixar claro que non imos permitir a precarización salarial e laboral en Pescanova”

O cadro de persoal de Pescanova aprobou en asemblea convocar dúas xornadas de greve, 14 e 21 deste mes, no marco das medidas contra o bloqueo da negociación. Perto de 500 traballadores están chamados a secundar a protesta. Falamos con Suso García, da Federación da Fgamt da CIG, sobre este conflito: “Durante a crise de Pescanova os traballadores actuaron con responsabilidade e agora a empresa quere que eles asuman o custo do seu plan estrela”.

 

pescanova asemblea
Asemblea de traballadores de Pescanova. Imaxe: CIG

- Este sábado a concorrida asemblea de traballadores de factoría e frigoríficos de Pescanova tomou por practica unanimidade a decisión de ir á greve e mesmo abrir a porta a un paro indefinido. Como se chega a este escenario?

- Levamos 11 meses de negociación. En abril do ano pasado abriuse o periodo de negociación nas plantas de fabricación e frío, que son os sectores dos que falamos neste conflito. Presentouse unha plataforma de reivindicacións apoiadas unanimemente por todos os sindicatos e a empresa presenta unha plataforma dela. O marco de negociación para nós son os convenios que estaban en vigor mais a empresa di que non, que agora todo é ‘NovaPescanova’ e que hai que negociar un novo convenio. O que a empresa presenta é unha rebaixa en condicións laborais e económicas.

Desde un primeiro momento dixemos que para nós o marco de negociación eran os convenios que estaban en vigor, porque teñen ultraactividade. Que estabamos dispostos a falar, a dialogar, pero con esa base. Mais a empresa continúa nas súas trece.

- Mais cales serían as cuestións en concreto no que se evidencian eses desacordos? Desde a parte social tendes feito fincapé que as diferenzas non se limitan unicamente á cuestión salarial...

- A empresa quere modificar toda a estrutura de categorías, quere crear o que eles chaman un novo grupo de entrada, cunha rebaixa importante, tanto a nivel salarial (nalgunhas categorías un 30 ou 40% menos) e incluso a nivel de xornada, con dispoñibilidade case absoluta, de luns a domingo. Nós evidentemente non imos consentir iso. Esta folga deixa clara que non imos permitir a precarización. Temos que lembrar que hai uns doce anos, nos convenios asinados daquela, xa se permitiu crear unha categoría nova de entrada a cambio da mesma promesa que fan agora, de contratar xente. E que pasou? Que por exemplo na factoría que teñen en Porriño, a antigua Frinova, neses doce anos nesa modalidade de contratación houbo só dous traballadores.

- Sorprende esa cifra, só dous. Por que só foron dous?

- O resto foi todo ETT. O que lle serviu a Pescanova esa nova categoría de entrada foi aplicarlla ás empresas de traballo temporal, co cal contrataban os traballadores para Pescanova aínda máis baratos.

- Esta greve conta co apoio de CIG, CUT, UXT e USO, mais non foi posíbel a unidade sindical ao non estar CCOO.

- Pouco a pouco foise traballando e logrando unha unidade sindical en factoría e frigoríficos, o que é algo moi importante. CCOO sumouse a esta unidade mais ao día seguinte fixo unha serie de manifestacións públicas nas que indicaba que vía posibilidades de acordo no marco de negociación que propoñía a empresa, que era algo que rexeitabamos todo o resto desde o principio. Defendiamos a plataforma común de reivindicacións feita polos comités de empresa destas plantas das que falamos, unha plataforma que tivo o apoio dos delegados de Comisións.

Así que foi CCOO a que se situou fóra da unidade sindical. Nunha xuntanza coa dirección de Pescanova CCOO volveu manifestar que había posibilidades de acordo no marco da proposta da empresa. Vai por libre, non pasa nada, pode facelo mais xa non facendo parte da unidade sindical.

- Hai xente que pode entender que esta convocatoria de greves, paros... pode afectar negativamente á viabilidade dunha empresa que aínda está a saír dunha grave crise...

- Pescanova entrou en crise porque o anterior equipo directivo fixo o que fixo, que xa é de sobra coñecido. E durante toda a crise, o cadro de persoal non dixo nin fixo absolutamente nada que puidese danar ou prexudicar a empresa, nada. Chegan os bancos a se facer cargo, daquela maneira, da empresa, aproban o que chaman un plan estratéxico sen sometelo sequera a consideración do cadro de persoal, e deciden que no 2020 isto ten que estar saneado. E quen vai pagar iso? Pois precisamente a xente que até este momento amosou ser responsábel para coa empresa, o cadro de persoal. E eu creo que iso levou a que os traballadores dixesen: ata aquí chegamos. Non pode ser que os que estivemos termando da empresa até agora, que non fixemos ningún movemento que puidese poñer en perigo a viabilidade da empresa, se nos faga pagar o custo dun ‘plan estrela’ deseñado nun despacho e para que os bancos cubran a súa débeda. Ademais, claro, que este plan, no que hai propostas como as de abrir as portas a rebaixar os salarios un 40% a novos contratados os actuais traballadores se pregunten que futuro teñen: co que a empresa aforra neses novos salarios pagan a indemnización de despido dos veteranos, tal como están as leis agora.

- Xa había medidas de presión, como piquetes dos traballadores os sábado para evitar que a empresa recorra a ETTS para cubrir as horas extras que os propios operarios decidiron deixar de facer como medida de presión no marco deste conflito

- Iso aprobouse en xaneiro. E hai que dicir que só con tomar esa medida a empresa rebaixou algunhas das pretensións iniciais, se ben continúa sen se mover das liñas vermellas que ela se fixou: rebaixa salarial e a modificación á baixa das condicións laborais e da xornada. Mais antes mantiña, por exemplo, que o da antigüidade había que eliminalo, ou que había que acabar coas pagas extras cambiándoas por un plus... mais xa recuou.

- Que paso debería dar a empresa para que os traballadores acepten desconvocar a greve?

- Pois que acepte negociar en base aos actuais convenios, que son os que están en vigor. E eliminar a categoría de entrada e modificación de xornadas. A empresa di que ten capacidade para poder producir máis e non o pode facer polas actuais xornadas e os traballadores xa lle dixeron que non hai problema en crear unha cuarta quenda, mais non nas condicións que a empresa quere.

comentarios