CIG advirte dun curso escolar marcado pola aposta do PP por “laminar o ensino público”

A central nacionalista lembra que este curso empeza con 15 centros menos e 64 unidades de Educación Infantil e Primaria suprimidas no ensino público, con profesorado insuficiente ou coa eliminación da gratuidade do comedor escolar, entre outros “recortes”

Concentración da CIG-Ensino diante da Consellaría
photo_camera Concentración da CIG-Ensino diante da Consellaría

A CIG-Ensino advirte que o curso escolar que vén de arrancar ai estar marcado pola continuidade da aposta do PP por “laminar o ensino público” en base a recortes “sistemáticos, inxustificados, inaceptables e innecesarios”. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Ana Rodiño, membro da Executiva, lembraron que o curso empeza con 15 centros menos e 64 unidades de Educación Infantil e Primaria suprimidas no ensino público, “mentres se concertan 40 unidades novas e 18 ciclos formativos”.

E isto prodúcese nun escenario no que hai un encarecemento do gasto escolar, “que moitas familias non poderán enfrontar por decisións como a suba das taxas, a redución de bolsas, o endurecemento dos criterios para conseguilas ou a suba do 32% das matrículas dos conservatorios, cercenándose así o dereito á educación”.

Comedor

A CIG ensino incide en que este curso tamén estará marcado pola eliminación da a gratuidade do comedor escolar ao alumnado transportado “e incrementase de xeito desorbitado o prezo dos menús, en preto do 40%. Aproximadamente só terán dereito ao comedor gratuíto uns 14.000 alumn@s dos preto de 200.000 que están escolarizad@s en Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria”.

Anxo Louzao advertiu tamén da redución das axudas para os libros de texto ou das medidas dirixidas a acentuar o desmantelamento da escola no medio rural.

Cruzada contra o galego

Ademais, a Consellaría do PP persiste na súa cruzada contra o galego, dixo Louzao, á vez que desde a Xunta se aposta aínda máis pola “privatización e a confesionalidade do ensino”. Outros dos aspectos que a CIG-Ensino denunciou é que por vez primeira neste curso se introduce unha empresa privada na formación do alumnado no ensino público (para organización e desenvolvemento de cursos de inglés para alumnado de sexto curso de Educación Primaria e da ESO).

Comentarios