Os ministros de pesca da Unión Europea acadaron após 22 horas de negociación un acordo por unanimidade dos Totais admisíbeis de capturas (TAC) e cotas pesqueiras para 2018. Un acordo no que a frota galega, embora esquivar importantes recortes que se propoñían nun principio nalgunhas especies, sae obrigada a pescar menos. “O cerco é o que sae máis prexudicado da negociación”, afirma en conversa con Sermos Galiza Andrés García, da asociación de armadores do cerco de Galiza. “Déixanos nunha situación preocupante”.
Sinala o recorte de 20% na xarda e do 24% no xurelo ao sur de Fisterra. Nesta última especie hai un aumento de 21% no cantábrico, mais para García vimos de tres anos máis que complicados nesa área e esta suba non compensa. Confía nunha negociación con Portugal para un bo reparto do xurelo para 2018. “Este ano, se non for por ese acordo con Portugal e unha redestribución teríamos que ter parado en outubro”.
E fica aínda por saber o que vai pasar coa sardiña. De aprobarse o feche da especie ou importantes recortes, os cerqueiros galegos (e non só eles, tamén outras artes menores) consideran que será o "desastre total".
Na negociación en Bruxelas acordáronse recortes de 12% para pescada do sur mentres que rapante ten un aumento de 20% en augas ibéricas, e a raia en 15%.