Centos de persoas marchan nas Pontes 8 kilómetros en defensa do cadro de persoal de Einsa

A marcha, que se prolongou por máis de dúas horas, expresou o rexeite ao plan de axuste que está a aplicar a compañía, que inclúe 29 despedimentos e unha rebaixa substancial dos salarios

A marcha finalizou nas Pontes
photo_camera A marcha finalizou nas Pontes

Traballadores e traballadoras do Grupo Einsa, acompañados por máis de cen veciños e veciñas das Pontes, protagonizaron a marcha en contra do plan de axuste que está a aplicar a compañía, que inclúe 29 despedimentos e unha rebaixa substancial dos salarios. A protesta rematou no centro da vila, onde se sumou un multitudinario número de persoas, coa lectura dun manifesto por parte dunha das traballadoras despedidas.

Con esta protesta, o persoal de Einsa, que está en folga indefinida dende a tarde do martes, quere amosar o total rexeitamento ao plan de axustes ideado pola compañía para facer fronte ás débedas, baseado en cargar o custe do saneamento da empresa nos despedimentos e unha baixada dos salarios (que no caso dalgúns traballadores/as pode supor uns 4.000 euros anuais menos).

A dirección, denuncian dende a Sección Sindical da CIG, logo de anos de mala xestión e malgasto recorre agora ás facilidades introducidas pola reforma laboral do PP para aplicar un programa de durísimos axustes. Entre outras cuestións, Einsa pretende despedir a 29 operarios/as, baixar tanto o salarios fixo, como o variábel, e eliminar, por exemplo, o plus polos días festivos.

Cacerolada

O persoal continuará co calendario de mobilizacións e teñen previsto realizar unha cacerolada nas rúas de Pontedeume, xa que neste concello o Grupo Einsa ten outras instalacións.

Comentarios