Centos de empregad@s públicos secundan as protestas contra os recortes

As protestas, que se desenvolveron nos distintos centros de traballo de toda Galiza, volveranse repetir todas as quintas de setembro.

Centos de empregad@s das administracións saíron esta quinta feira, máis unha vez, ás rúas para manifestaren o rexeitamento ás políticas de recortes que o PP está a impor desde o goberno español e que o goberno galego “acata submisamente”, a pesar de que supoñen unha invasión das competencias propias.

Para as centrais convocantes das mobilizacións, os recortes xa se están comezando a sentir nos distintos ámbitos: desaparición de servizos públicos, falta de cobertura das baixas, imposición de xornadas de traballo abusivas para facer fronte á falla de persoal, destrución de miles de empregos, redución da calidade asistencial, incremento das listas de agarda, saturacións dos hospitais, etc.

Ademais, indican, estase avanzando rapidamente "no proceso de privatización e externalización dos servizos públicos básicos que até o de agora prestaba a propia administración, mais que agora xestionará a empresa privada, facéndose así cun mercado de negocio que as grandes corporacións reclaman desde hai anos"

A este desmantelamento da administración hai que sumarlle o recorte de dereitos laborais e económicos, lembran as centrais

Comentarios