O capital suplica a intervención estatal e os Gobernos socializan as perdas do sector privado

A Unión Europea modifica a súa lexislación.
comision europea
photo_camera Foto de familia da Comisión Europea.

A Unión Europea vén de modificar a súa propia lexislación para permitir aos Estados inxectar diñeiro público sen ningún tipo de limitación ás grandes corporacións privadas e permitir a toma de participación dos Gobernos no capital das mesmas. Unha decisión semellante xa fora adoptada á volta de 2008 para posibilitar os rescates masivos da banca e dos grupos financeiros a conta dos orzamentos públicos. Nesta liña, o comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, augurou recentemente que “moitas empresas terán o Estado no seu capital. Hai un ano ninguén tería imaxinado algo así, mais será transitorio. Os Estados non teñen vocación de permanencia”.

O aeronáutico é o primeiro sector rescatado. A mediados de marzo, Italia inxectou 600 millóns na liña área Alitalia tomando unha porcentaxe das súas accións. Unhas semanas máis tarde, Noruega saía ao rescate da compañía Norwegian e o Reino Unido lanzaba un salvavidas de 700 millóns a Easyjet. Ademais, Alemaña estuda tomar unha importante participación en Lufthansa e Francia reforza a súa presenza no capital de Air France.

As medidas de axuda ás grandes compañías privadas sucédense no conxunto da UE. O Alto Representante da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, sinalou recentemente que “agora o Estado é o patrón de última instancia,  o consumidor de última instancia, o propietario, porque haberá inevitabelmente que capitalizar empresas con nacionalizacións, malia ser transitorias, e o asegurador de última instancia”.

Os máximos responsábeis da política económica téñense manifestado nun sentido semellante. Así, por exemplo, o ministro francés de Economía, Bruno Le Maire apuntou: “Non dubidarei en empregar todos os medios á miña disposición para protexer as grandes empresas francesas” e engadiu que “iso pode facerse mediante recapitalizacións, comprando accións ou botando man de nacionalizacións se for necesario”.

En 2008, a totalidade dos Gobernos acudiron ao rescate do complexo bancario, transferindo a súa débeda ao sector público e abrindo a porta ás posteriores políticas de axuste. A este respecto, o economista Kostas Lapavitsas non dubida en afirmar que “se está preparando un novo saqueo das arcas públicas para salvar a conta de resultados das grandes corporacións privadas. Máis unha vez vólvense socializar as perdas”.

Comentarios