A Caixa Rural Galega achegará 85.000 euros para a investigación en saúde

A entidade colaborará co programa de bolsas de posdoutoramento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).
Acto de sinatura do convenio, esta terza feira na sede do IDIS, en Compostela (Foto: IDIS).
photo_camera Acto de sinatura do convenio, esta terza feira na sede do IDIS, en Compostela (Foto: IDIS).

A Caixa Rural Galega achegará 85.000 euros ao programa de bolsas de posdoutoramento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) durante tres anos, con posibilidade de que se estenda máis aló deste horizonte temporal.

A sede do IDIS, no Hospital Clínico compostelán, acolleu esta terza feira o acto da sinatura do convenio entre ambas as entidades para impulsar a contratación de investigadores no ámbito da saúde.

"Espero que isto sexa o inicio dunha longa colaboración", manifestou o presidente de Caixa Rural, Manuel Varela, durante unha intervención na que constatou que este acordo implica investir "en coñecemento, en innovación e na mellora da saúde e a calidade de vida das persoas" na Galiza.

A directora científica do IDIS, María Luz Couce, prometeu que o proceso para elixir as persoas beneficiarias será "totalmente transparente", tal e como se fai "sempre", segundo subliñou.

A doutora reivindicou ao IDIS como "eixo da investigación sanitaria galega" e puxo sobre a mesa cifras como as 18 persoas investigadoras de predoutoramento e as nove de posdoutoramento que ten actualmente o centro en activo.

Por outra parte, tamén reivindicou que, nos anos 2021 e 2022, se superou a barreira dos 40 millóns de euros captados en financiamento. "E este ano (2023) seguimos tamén por moi bo camiño", engadiu a directora científica do IDIS.

Couce recalcou que entidades investigadoras como esta precisan "a colaboración monetaria de empresas, marcas comerciais ou da cidadanía" para poder continuar co seu labor e, desta forma, "mellorar a saúde da poboación".

Comentarios