Unha de cada tres pensións galegas non pasa da cuantía mínima

Na Galiza son o 33% do total mentres que a porcentaxe media no Estado non chega ao 25%, 8 puntos menos que na Galiza

mans
photo_camera mans

Nun de cada tres fogares da Galiza as prestacións son a súa única fonte de ingresos, segundo os datos oficiais do IGE. Nun de cada tres fogares do país non é o salario ou mesmo as rendas quen o manteñen mais as prestacións, sexan estas por desemprego, de integración ou por pensións. O que amosa que estas, as pensións, son a trabe principal para manter economicamente moitas familias. Por iso é tan demoledor o recente informe da UGT que certifica que en Galiza o 32,6% das pensións non chegan á cuantía mínima ou están nela, polo que teñen que ser complementadas. No Estado a media é do 25%.

Ademais, a porcentaxe de mulleres que perciben pensións que teñen que ser complementadas por non chegar á mínima ou que cobran xusto a mínima é en Galicia de 39,33 puntos, fronte aos 24,93 por cento dos homes que están nesta situación. Así, concretamente, en Galiza o 24,93 por cento dos homes pensionistas perciben pensións complementadas por non chegar ás mínimas ou xusto as mínimas e no caso do resto do Estado a porcentaxe é de 19,56 puntos. Entre as mulleres galegas a porcentaxe é de 39,33 puntos, fronte aos 32,64 do resto do Estado.

Galiza é o segundo territorio do Estado español coas pensións máis baixas, cunha contía media de 761,53 euros, que sube ata os 864,70 no caso das pensións de xubilación. Só Estremadura, con 752,29 euros, está por debaixo do noso país. Estes datos contrastan coa realidade de comunidades como o Euskal Herria, Madrid, Asturias ou Nafarroa onde as contías medias superan os 1.000 euros.

Comentarios