Bruxelas quere gravar as importacións cuxo valor sexa inferior aos 150 euros

Até 65% dos paquetes que entran na UE están infravalorados.
Posto da aduana con Xibraltar, Reino Unido (Foto: Nono Rico).
photo_camera Posto da aduana con Xibraltar, Reino Unido. (Foto: Nono Rico)

A Comisión Europea presentou esta cuarta feira a súa proposta de reforma da unión aduaneira, que expón gravar tamén as mercadorías por valor inferior a 150 euros, até o de agora exentas de dereitos de aduana.

Desta maneira, como o comercio electrónico representa xa máis de 73% da declaracións aduaneiras, fará que plataformas como Amazon, Asos, AliExpress ou Zalando cumpran todas as obrigas aduaneiras, en lugar de facelas recaer sobre o consumidor final, como ocorre actualmente. 

As plataformas deberán achegar probas diso a través dun novo centro de datos aduaneiros da UE -obrigatorio en 2038- e terán tamén que cobrar os dereitos de aduana e o IVE no momento da compra e remitilos ás autoridades estatais, o que significa que os consumidores xa non se verán afectados por gastos ocultos cando chegue o paquete. Neste sentido, o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, en rolda de prensa, lembrou que as aduanas da UE facilitaron o comercio co resto do mundo por valor de 4.300 billóns de euros en 2021, o que supón un 14% do comercio mundial. 

Paquetes infravalorados

Segundo Gentiloni, até 65% dos paquetes que entran na UE están infravalorados para evitar os dereitos de importación, polo que esta revisión busca reforzar a capacidade das aduanas para supervisar as cadeas de subministración e intervir cando sexa necesario, ademais de reducir trámites administrativos e burocracia innecesaria. 

Bruxelas calcula que o centro de datos, que substituirá á actual infraestrutura informática das aduanas dos Estados membro, aforraralles até 2.000 millóns de euros ao ano en custos de desenvolvemento e mantemento informático, mentres que, grazas ás simplificacións propostas, as empresas reducirán tamén os seus custos de cumprimento en 2.700 millóns de euros ao ano. 

Aínda que algunhas disposicións do novo regulamento do Código Aduaneiro da Unión aplicaranse pouco despois da súa adopción, haberá un período de transición na UE de 10 a 15 anos durante o cal se manterán algunhas das prácticas actuais, o que garantirá que o despregamento gradual do novo modelo sen perturbar as operacións aduaneiras. 

O réxime aduaneiro a medida para o comercio electrónico aplicarase a partir de 2028 mais os operadores comezarán a utilizar a plataforma a partir do 1 de xaneiro de 2032 e estarán obrigados a facelo a partir do 1 de xaneiro de 2038.

Comentarios