Vigo

Inspección de Traballo obriga Amazon Flex a recoñecer os repartidores como traballadores e non como autónomos

O persoal, autónomo segundo Amazon, "carecía de toda capacidade de xerar beneficios nin tampouco de crearse unha clientela propia", motivo polo que Inspección resolveu en contra da compañía.
Entrega de paquetes da compañía Amazon. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Entrega de paquetes da compañía Amazon. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Inspección de Traballo vén de obrigar a multinacional do comercio electrónico Amazon a recoñecer como empregados por conta allea, e non como autónomos, os repartidores do seu servizo Flex en Vigo, após varias denuncias expostas polo sector do transporte de UXT na cidade olívica.

Segundo a resolución, Inspección ordenou á empresa que curse a alta retroactiva do persoal afectado no Réxime Xeral da Seguridade Social, ao considerar que a forma social de traballador autónomo está "baleira de contido", xa que os repartidores "carecían de toda capacidade de xerar beneficios nin tampouco de crearse unha clientela propia".

Con todo, considera que si existe unha relación de "subordinación", definida como a realización dun traballo baixo a autoridade dun empregador con capacidade de dar ordes, controlar a execución destas instrucións e sancionar o seu incumprimento. Todo iso após varias reclamacións presentadas por UXT, nas cales se denunciaba que Amazon usaba particulares nos seus servizos de repartición Flex.

Denuncia de UXT

"A multinacional do envío a domicilio creara este novo sistema polo cal ofrecía aos particulares a posibilidade de aumentar os seus ingresos mediante a repartición dos seus paquetes empregando os seus vehículos particulares", criticaron desde o sindicato, que denunciou que non se axustaba á legalidade e que a relación entre estas persoas e Amazon era "unha clara relación laboral".

Por mor da denuncia, a compañía paralizou este sistema, empregado desde que instalou o seu centro de distribución no Porriño. Agora, Inspección de Traballo de Vigo resolveu que estes particulares eran traballadores de Amazon, polo que a firma debe abonar as cotizacións dos mesmos no Réxime Xeral da Seguridade Social.

En concreto, son uns 80 afectados e, após máis de 30 entrevistas, Inspección de Traballo decidiu que a relación entre eles e a empresa era laboral e non mercantil.

Desde UXT celebraron esta resolución e reivindicaron que estas actuacións poñen freo "a quen pretende impor na sociedade un modelo de relacións laborais precario, abusivo e sen dereitos".

Comentarios