O Foro Monterrei entrégalle en man a Feijóo unha carta na que reclama o uso público do castelo

O Foro Monterrei entregoulle ao presidente da Xunta en man unha carta na que reivindican que se manteña o uso público, cultural e de promoción económica do castelo e non se destine a uso hoteleiro. Varios membros do colectivo de Verín déronlle a Feijóo o escrito na antiga aduana de Feces de Abaixo, sede da Eurocidade Chaves-Verín. 

Monterrei
photo_camera Monterrei

Varios membros do Colectivo Foro Monterrei, de Verín, fixéronlle entrega en man a Feijóo dunha carta na que solicitan da Xunta que non se rompa o consenso e se manteña o uso público, cultural e de promoción económica do castelo, ao seu ver, incompatíbel co uso hostaleiro. Reclaman tamén que o futuro da Acrópole se tome por un amplo debate do que participen as institucións e entidades da comarca. 

Do colectivo de opinión e acción cultural forman parte o arquitecto Xerardo Seoane, o profesor, enxeñeiro e escritor Alberte Blanco Casal, o antropólogo forense Fernando Serrulla, o investigador Eduardo Castro e o licenciado en dereito Alberto Vega, que son quen asinan o escrito que na segunda feira recibiu Feijóo, no transcurso da súa visita á sede da Eurocidade Chaves-Verín. 

O Foro destaca o valor do Castelo de Monterrei e a Acrópole no conxunto como “a mellor síntese do rico pasado histórico da comarca”, ademais de consideralo “emblema identitario da actual bisbarra”. Lembran que xa en 1986 o Proxecto Piloto elaborou unha proposta multifuncional que combinou facetas culturais e de promoción económica cun amplo plan de usos que foi guía para as seguintes actuacións e da que foron continuadores os Plans Directores posteriores. 

Aluden tamén aos usos de tipo cultural e de promoción económica que se contemplan na cesión do Estado a Galiza en 2010 e remítense tamén ao Plan Director de 2012 elaborado polo propio goberno de Feijóo para argumentar a súa oposición ao uso hoteleiro integrado na rede de Paradores que fai perigar o conxunto arquitectónico e o seu goce público. 

O presidente da Xunta participaba no acto de presentación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín. 

Manifestación o día 19

Por outra banda, a Plataforma cidadá en defensa do castelo de Monterrei convoca para o 19 de abril ás 19.30 unha manifestación con saída na praza do concello de Verín. Reclamarán un uso público e cultural do castelo e manifestarán a súa oposición ao plan da Xunta de convertelo en hotel. 

Comentarios