Un boom eólico na Galiza que vén de lonxe pola súa rendibilidade

Un estudo oficial vinculado ás empresas do país xa amosa que en 2018 a produción de enerxía eólica era considerada coma un dos sectores máis dinámicos dentro da economía galega.

Eólicos nun monte galego. (Foto: Nós Diario) #eólicos #parqueeólico #enerxía #muíños #empresa #beneficios
photo_camera Eólicos nun monte galego. (Foto: Nós Diario)

Con algunhas empresas dando un paso máis ao programar o desembarco dos muíños no litoral galego e numerosos proxectos en terra en distintas fases de tramitación, o da enerxía eólica semella un investimento seguro. Ás multinacionais, e mesmo a firmas galegas, pouco lles está a importar a ampla contestación social.

É agora cando se coñece a gran eclosión de proxectos para enerxías renovábeis en Galiza -que a cidadanía non considera inocuos- pero o certo é que este sector leva facéndose forte anos, como xa sucedeu no pasado coa electricidade que se produce nos encoros esparexidos por todo o país.

O último informe Ardán publicado, un estudo de todo o tecido empresarial galego elaborado por expertas e expertos da Zona Franca de Vigo, indica que un dos sectores máis “dinámicos” para a economía do país é a “produción de enerxía eólica”, xunto co téxtil ou as residencias de maiores, por nomear só algúns exemplos máis.

Tanto é así que esas cifras, que aínda apuntan a 2018 porque estes informes levan un período longo de investigación, comparación e elaboración, revelan xa un crecemento imparábel.

O ámbito industrial -segundo concellos, veciñanza e entidades ecoloxistas con moita afección ao patrimonio natural e pouco retorno económico e laboral- creceu un 32,81% en 2018 con respecto ao ano anterior. E a dinámica segue o mesmo ascenso como proba o interese de tantas empresas por facerse cos seus propios polígonos para aproveitar o vento.

No documento aparecen até oito sociedades eólicas no apartado de “empresas gacela”, aquelas que teñen un crecemento rápido ademais de asumir máis riscos que a competencia, entre outras particularidades se ben non sempre se seguen todos os criterios estipulados polo Ardán.

Ascensos moi pronunciados

Enerxías Ambientais de Somozas tivo uns ingresos de explotación por enriba dos cinco millóns de euros nun ano e Engasa Eólica sumou 7.566.865 euros. O Parque Eólico da Capelada conseguiu mellorar en máis dun 30% o seu volume económico en 2018 chegando aos 4.529.000 euros, e nin tan sequera se dispararan como agora os prezos da luz.

Tamén no Vicedo se experimentou un ascenso dun 38% na conta de resultados e no polígono de aeroxeradores de San Andrés ingresaron 5.526.000 euros.

Mesmo aparecen eólicas na listaxe de “empresas xeradoras de riqueza”, entendidas como tales aquelas firmas que deixan unha boa suma económica entre o accionariado e, supostamente, tamén habería bos resultados para as administracións públicas pola vía dos impostos.

No cómputo global, 49 negocios foron quen de ter uns ingresos de explotación por enriba dos 309 millóns de euros cunha rendibilidade económica superior ao 10% e financeira abeirando o 17%.

Comentarios