O 'boom' de proxectos renovábeis satura a capacidade de evacuación da rede galega

O nó de Sabón e os das antigas térmicas son os máis demandados
Torres de alta tensión
photo_camera Torres de alta tensión. (Foto: Nós Diario)

Galiza ten en carteira proxectos eólicos que suman preto 11.000 megawatts (MW) repartidos en 131 parques. Xunto a eles e á calor dos fondos europeos, emerxen outras iniciativas de xeración enerxética asociadas a tecnoloxías como o hidróxeno verde ou a eólica mariña. O problema é que a capacidade de evacuación á rede é limitada, e mesmo insuficiente para dar resposta á necesidade de todos estes proxectos. 

Segundo os datos do último estudo de capacidade de Rede Eléctrica, coa situación a 30 de abril de 2021, na Galiza había unha capacidade e marxe de acceso de até 3.700 megawatts (MW) nominais para os novos proxectos enerxéticos, o que impedirá a execución de moitos deles precisamente pola incapacidade de verter a enerxía xerada á rede. 

Esta semana coñecíase, por exemplo, a intención de Iberdrola de levantar dous grandes parques de eólica mariña na costa galega que poderían ter en Xove, que conta cun nó de alta capacidade de 400 kilovoltios (kV), e en Sabón ─220 kV pero con preto de 80% da súa capacidade dispoñíbel─ os seus puntos de conexión á rede.

O potencial de Sabón

Sabón é un enclave estratéxico no novo mapa enerxético. A súa subestación levantouse para dar saída á central térmica de fuel ─xa desaparecida─ e ao actual ciclo combinado de Naturgy. É de 220 kilovoltios (kV) e pode evacuar entre 350 e 460 MW.

Por ela pugnan as grandes cotizadas. E é que, xunto aos plans de Iberdrola para dar saída á enerxía que produzan os seus parques eólicos mariños, firmas como Enagás e Acciona tamén teñen proxectos para estabelecerse na contorna deste nó, concretamente no porto exterior de Punta Langosteira cunha planta de hidróxeno verde asociada a un parque eólico.

Tamén confirmou o seu interese a multinacional téxtil Inditex, que presentou un proxecto para abastecer os seus centros de produción do polígono de Sabón a partir de fontes renovábeis. 

Trátase de proxectos a financiar con cargo aos fondos europeos Next Generation, mais de levarse todos a cabo comprometerían a capacidade da rede enerxética galega.

As outras alternativas

Xunto á subestación de Sabón, outros nós con capacidade para dar saída á nova produción renovábel polos que poxarán as empresas son os que liberarán as centrais térmicas de Meirama (Cerceda), de Naturgy, de 220 kV, e a térmica de Endesa nas Pontes, de 400 kV.

Porén, parte desta capacidade será empregada polas propias enerxéticas. No caso de Endesa, para dar saída aos seus novos parques, que suman máis de 600 MW, e tamén á planta de hidróxeno verde que proxecta nos terreos da antiga central. Naturgy, pola súa banda, tamén proxecta unha planta de hidróxeno verde en Cerceda, que podería limitar o acceso de novos operadores á rede. 

Mais non son os únicos. Galiza conta con 38 nós de conexión (sete de 440 e o resto de 220 kV) dos que 12 xa están ao límite da súa capacidade. A pugna polos dispoñíbeis será feroz e Rede Eléctrica terá que facer encaixe para buscarlles acomodo. 

Comentarios