Os bonos Activa Comercio poden usarse desde hoxe en máis de 4.500 estabelecementos adheridos

O seu uso esténdese até o 31 de decembro, agás esgotar o orzamento destinado, e os comercios poderán unirse até o 15 dese mesmo mes.
Estabelecemento adherido ao programa dos bonos de descontos 'Activa Comercio'. (Foto: Xunta)
photo_camera Estabelecemento adherido ao programa dos bonos de descontos 'Activa Comercio'. (Foto: Xunta)

Os bonos Activa Comercio poden descargarse e usarse desde esta mesma segunda feira e até o vindeiro 31 de decembro en máis de 4.500 estabelecementos do comercio de proximidade que están adheridos á iniciativa. A Xunta destinou 2,5 millóns de euros a sufragar os bonos co obxectivo de incentivar a demanda e atraer novos clientes a este tipo de locais.

Desde o Executivo prevén con esta iniciativa que se mobilicen uns 8,5 millóns de euros en vendas, e tamén teñen por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación nas familias. Cada persoa pode descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras nos locais adheridos. O formato do bono é dixital, cun código QR.

Así, o importe reducirase en función do valor da compra. Polas iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros descontarán cinco euros, e nas compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros a rebaixa será de 10. A partir desa contía, o desconto será de 15 euros.

Como na edición anterior deste ano o número de usuarios que poden descargar o bono —un por persoa— non está limitado, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Desta forma, os bonos están dispoñíbeis para a súa descarga e uso até o 31 de decembro, salvo que se esgote previamente o orzamento destinado. Os comercios que se queiran unir á iniciativa poderán facelo até o 15 de decembro.

Comentarios