As cinco chaves do bono para fogares con baixo nivel de renda e patrimonio

Nós Diario achega as principais chaves da axuda que anunciou o Executivo estatal aos fogares cun baixo nivel de renda.
Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
  1. Orzamento de 540 millóns de euros
  2. Persoas beneficiarias da axuda
  3. Solicitude da axuda
  4. Incompatíbel co Ingreso Mínimo Vital (IMV)
  5. Notificación de concesión da axuda

A partir desta sexta feira as persoas interesadas poderán solicitar o bono para fogares con baixo nivel de renda e patrimonio na páxina web da Axencia Tributaria (AEAT). Trátase dun pago único de 200 euros "para que 2,7 millóns de persoas poidan recibir unha axuda imprescindíbel para transitar a situación provocada pola guerra", segundo explicou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, nun acto da Universidade Complutense de Madrid. 

Orzamento de 540 millóns de euros

O Executivo estatal destinará unha partida de 540 millóns de euros para sufragar o pago deste bono. Así o decidiu o Consello de Ministras e Ministros de urxencia que aprobou o novo paquete de medidas destinado a paliar o impacto económico derivado do contexto bélico en Ucraína e das sancións impostas Rusia pola meirande parte da comunidade internacional.

Aínda que xa se poderá solicitar desde este 8 do xullo, o novo bono, ao igual que resto de medidas que recolle o novo plan contra a crise, quedarán pendentes de que o Congreso os convalide no pleno da vindeira semana.

Persoas beneficiarias da axuda

Para poder solicitar esta axuda, as persoas interesadas deberán cumprir unha serie de requisitos. En primeiro lugar, deberán estar dadas de alta na Seguridade Social ou seren desempregadas inscritas na oficina de emprego. Neste caso, será indiferente que cobren ou non a prestación polo paro.

En canto aos requisitos económicos, no 2021 deberán xustificar que percibiron uns ingresos inferiores a 14.000 euros e tiveron un patrimonio menor a 43.196,40 euros, sumando todos os ingresos das persoas que vivisen no domicilio da solicitante o 1 de xaneiro de 2022.

O último dos requisitos estabelecidos pola Axencia Tributaria é que as persoas interesadas deben contar con residencia legal e efectiva no Estado español na actualidade, e mantida de maneira ininterrumpida, cando menos, nos últimos doce meses.

Solicitude da axuda

As persoas solicitantes deberán levar a cabo os trámites precisos a través da Sede Electrónica da Axencia Tributaria. A AEAT porá a disposición da poboación un formulario no que introducir os datos pedidos por Facenda, ademais da conta bancaria na que se desexan recibir os 200 euros do bono. As solicitudes poderán ser presentadas até o 30 de setembro deste ano.

Incompatíbel co Ingreso Mínimo Vital (IMV)

O bono para fogares con baixo nivel de renda e patrimonio será incompatíbel coa percepción do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Así o estabeleceu o Goberno español como requisito para o cobro da nova axuda.

A xustificación do Executivo é que o real decreto no que vai incluído o plan de medidas contra a crise xa contempla un incremento de 15% do IMV e das pensións non contributivas, cun aumento anual superior aos 200 euros.

Notificación de concesión da axuda

As solicitudes do bono poderán ser respondidas pola Administración estatal até o vindeiro 31 de decembro, tres meses despois do fec hamento do prazo para presentalas. Pasada esa data, todas aquelas solicitudes non respondidas serán consideradas como desestimadas, unha resolución contra a que se poderá interpor un recurso de reposición e reclamación económico-administrativa.

Comentarios