O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta quinta feira a resolución da Xunta pola que se estabelecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do bono alugueiro dirixido á mocidade.
A quen vai dirixido?
Estas subvencións, que se concederán por un período de dous anos e cun importe de 250 euros -sempre que non se supere a contía da renda mensual-, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de alugueiro ou de cesión de uso.
De igual modo, deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar tres veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais.
Se a persoa solicitante aínda non asinou ningún contrato pero está en condicións de subscribilo tamén poderá pedir o bono alugueiro
Como solicitalo?
A partir desta sexta feira, as persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos.
Para isto, os interesados deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsábeis -oito en total- así como completar os anexos correspondentes.
Documentación precisa
A maiores, os solicitantes do bono terán que achegar pola mesma vía documentación complementaria como o contrato do alugueiro, a referencia catastral do inmóbel, un documento asinado polo arrendador no que conste o importe da renda, un certificado de empadroamento no que conste as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda en cuestión, así como documentación da fonte regular de ingresos do solicitante.
No caso de que o solicitante teña dereito ao recoñecemento da axuda con carácter retroactivo -desde a firma de contrato de alugueiro, pero nunca con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2022-, tamén deberá presentar o extracto ou certificado bancario que acredite o pago da renda nas mensualidades anteriores.
Aínda non tes contrato de aluguer?
Por último, se a persoa solicitante aínda non asinou ningún contrato pero está en condicións de subscribilo, tamén poderá pedir o bono alugueiro e optar á súa concesión nas mesmas condicións.
Para iso, deberá achegar, xunto coa súa solicitude electrónica, un compromiso asinado por arrendador e arrendatario da formalización dun contrato de alugueiro ou cesión de uso no que se faga constar o importe da renda ou do prezo da cesión; o concello no que se localiza a vivenda; a referencia catastral; as persoas arrendatarias que subscribirán o futuro contrato e a data a partir da que terá efectos económicos.