BNG advirte do perigo para o sector gandeiro dunha normativa do Estado sobre solos agrarios

O deputado nacionalista Néstor Rego sinala que o Estado español pretende regular a aplicación de xurros e esterco “en aras dunha suposta contaminación do aire por amoníaco, sen teren en conta a realidade do noso país”.

Vacas pastando nunha leira (Xunta).
photo_camera Vacas pastando nunha leira (Xunta).

O BNG vén de presentar unha Proposición Non de Lei para instar o Goberno español a modificar o Proxecto de Real Decreto por que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel dos solos agrarios para que contemple “a realidade galega para que evite se lesivo para o noso sector gandeiro”.

O deputado nacionalista Néstor Rego sinala que o Estado español pretende regular a aplicación de xurros e esterco “en aras dunha suposta contaminación do aire por amoníaco, sen teren en conta a realidade do noso país”.

Salienta o parlamentar que "o Ministerio non se atreven a levar a contraria aos lobbies do porcino e dos abonos de síntese e pretenden que se repercutan esas emisións de amoníaco ao sector gandeiro do vacún, tanto de leite como de carne, principalmente da Galiza e da cornixa cantábrica".

O BNG advirte que se esta normativa entrase en vigor sen unha revisión substancial, daríase un golpe mortal á gandería de leite e carne da Galiza. "Unha vez máis, pondo en risco aos sectores de leite e carne vacún que cumpren a importante función de manter activa a economía e fixar poboación en amplas zonas do rural galego, sendo especialmente importante a gandaría extensiva de montaña" destacou o deputado nacionalista.

O proxecto obrigaría a implantar nestas explotacións gandeiras toda unha serie de requisitos para, “teoricamente, controlar e racionalizar o uso de fertilizantes e xurros. Mais o principal problema encóntrase na difícil adaptación ou no cambio de toda a maquinaria de aplicación, cisternas e tractores, que faría imposíbel que poidan ser usadas na maior parte dos terreos agrícolas galegos, principalmente caracterizados pola súa pequena extensión e difícil orografía”.

Ademais, Néstor Rego manifestou que o borrador ignora as boas prácticas agrícolas como efecto redutor destas emisións, e que o seu fomento e xeralización sería “altamente saudábel, ademais de ter un mínimo custo económico”.

Comentarios