A renegociación de hipotecas alcanza o máximo histórico no mes de abril

O tipo de xuro medio das novas hipotecas asinadas situouse en 3,48%.
Oficina bancaria (Foro: Arxina).
photo_camera Oficina bancaria (Foro: Arxina).

As renegociacións de préstamos hipotecarios disparáronse no mes de abril até máximos históricos, segundo os datos difundidos esta segunda feira polo Banco de España, no contexto da suba dos tipos de xuro que se produciu nos últimos meses a un ritmo sen precedentes.

No cuarto mes de 2023, os cambios nas condicións hipotecarias abarcaron a préstamos por valor de 2.503 millóns de euros, o que supón o maior nivel mensual para este tipo de operacións desde que o Banco de España empezou a ofrecer este dato en xaneiro de 2015.

De feito, só o dato de abril xa é máis avultado que todas as renegociacións que tiveron lugar en 2022 (1.910 millóns), 2021 (1.744 millóns), 2019 (1.318 millóns), 2018 (1.744 millóns) e 2017 (2.357 millóns). En cambio, está por baixo das renegociacións rexistradas en 2020 (2.605 millóns), 2016 (6.396 millóns) e 2015 (9.241 millóns).

As renegociacións de préstamos hipotecarios poden abarcar modificacións nos prazos, no tipo de xuro ou un cambio entre os tipos de xuro fixos e variábeis, segundo os acordos aos que chegues as persoas usuarias e as entidades financeiras.

O avultado cambio nas renegociacións prodúcese nun contexto no que o Banco Central Europeo (BCE) levou a cabo a suba de tipos de xuro máis rápida da súa historia, o que levou o Euríbor a máximos desde o ano 2008.

As hipotecas asinadas a tipo variábel experimentaron durante os tres primeiros meses do ano encarecementos no tipo de xuro por encima dos 3,8 puntos porcentuais. Isto supón encarecementos de aproximadamente 300 euros ao mes para unha hipoteca media.

Hipotecas asinadas en abril

Por outra parte, as hipotecas asinadas en abril alcanzaron os 6.231 millóns de euros, o que supón o maior nivel desde xullo de 2022, así como unha alza de 16,1% respecto ao mes de marzo. O tipo de xuro medio destas novas hipotecas foi de 3,48%.

Comentarios