O Banco de España prevé que o IPC superará o 2% até 2025

Aumenta o prognóstico da inflación subxacente.
O director de Economía do Banco de España, Ángel Gavilán (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera O director de Economía do Banco de España, Ángel Gavilán (Foto: David Zorrakino / Europa Press).

O Banco de España rebaixou medio punto porcentual, até 3,2%, a taxa media de inflación prognosticada para este ano debido a unha desaceleración "máis acusada da prevista" nos prezos da enerxía e, en menor medida, nos prezos dos alimentos, cuxo crecemento considera que "tocou teito, cunha elevada probabilidade", en febreiro deste ano, cando chegou a 15,7%.

En concreto, calcula que a inflación xeral situarase por baixo de 2% en xuño, aínda que experimentará unha repunta no segundo semestre do ano polo efecto base nos prezos enerxéticos e a retirada das medidas anticrise, tendencia que se manterá en 2024, exercicio para o que mantén a súa previsión dun Índice de Prezos de Consumo (IPC) medio de 3,6%, para baixar despois, en 2025, até 1,8%.

Desta forma, e sen datos concretos para a Galiza, a institución calcula que non será até 2025 cando a economía estatal alcance unha taxa media anual no IPC inferior a 2%, limiar que o Banco Central Europeo (BCE) estabelece como obxectivo para a inflación a medio prazo.

No caso do IPC subxacente, que exclúe os produtos máis volátiles como os alimentos frescos e a enerxía, a institución revisou á alza as súas proxeccións de marzo para 2023 en dúas décimas porcentuais, até 4,1%, e rebaixa en unha as de 2024 e 2025, até 2,1% e 1,7%.

Espérase unha suba do PIB estatal de 2,3%

O Banco de España revisou sete décimas porcentuais á alza a súa previsión de crecemento da economía estatal para 2023, desde o índice de 1,6% até unha taxa de 2,3%, como consecuencia dun avance "máis intenso" da actividade nos primeiros meses do ano e da revisión que fixo o Instituto Nacional de Estatística (INE) dos datos de Produto Interior Bruto (PIB) dos últimos trimestres de 2022.

Para 2024, a institución revisou unha décima porcentual á baixa a súa previsión de crecemento no conxunto do Estado español, até 2,2%, como reflexo dun endurecemento das condicións de crédito máis intenso do anticipado en marzo, mentres que mantén en 2,1% a de 2025.

O crecemento na Galiza será menor ao do Estado de continuar a tendencia do primeiro trimestre, no que a economía galega medrou 2,9%, por baixo da estatal (3,8%), segundo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef).

Comentarios