Calviño di que as axudas se teñen que "ir retirando", malia o IPC actual

A vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, asegurou que se as axudas deberían retirarse nun futuro próximo. Ademais mostrou a súa preocupación polos prezos dos alimentos, que cre que son "preocupantes".
No centro da imaxe, Nadia Calviño, Xosé Sánchez Bugallo, Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro da imaxe, Nadia Calviño, Xosé Sánchez Bugallo, Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)

A vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, indicou esta sexta feira que o Goberno español segue "moi vixiante" coa evolución da inflación, mais sinalou que as axudas se teñen que "ir retirando", non só no Estado español, senón no conxunto dos países da Unión Europea (UE).

Calviño realizou estas afirmacións nunha entrevista en Catalunya Ràdio, onde asegurou que os prezos dos alimentos son "o elemento máis preocupante" da economía estatal a día de hoxe polo impacto que ten na cidadanía. Neste punto, sinalou o impacto da seca na evolución dos prezos deste sector.

Con todo, asegurou que a previsión é que a inflación "siga a tendencia de retardación", e destacou que o Goberno español está "moi vixiante" respecto diso. 

Así mesmo, Calviño avisou de que "as axudas teñen que irse retirando, pero non no Estado español, en todos os países", e lembrou que no caso español, o Goberno contempla revisións cada seis meses a través de mecanismos automáticos, como é o caso da axuda dos carburantes para profesionais ou a redución do IVE dos alimentos. 

O IPC segue subindo

Precisamente estas declaracións de Nadia Calviño chegan cando o Indice de Prezos de Consumo (IPC) non deixou de subir na Galiza. En concreto, no mes de abril, fíxoo un 0,7% en relación co anterior, aumentando a súa taxa interanual até 4,1, segundo os datos publicados a semana pasada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta maneira, o IPC queda  igualado na Galiza coa taxa interanual rexistrada a nivel estatal, onde os prezos se incrementaron tamén 4,1% en abril respecto ao mesmo mes de 2022, após un aumento de 0,6% o último mes, polo encarecemento dos carburantes e unha diminución menos intensa dos prezos da electricidade. A inflación non subía tanto nun só mes desde maio de 2022.

Tamén en abril, o prezo dos alimentos e as bebidas non alcohólicas mantivéronse na Galiza cun pequeno descenso de -0,1% con respecto ao mes de marzo (a nivel estatal medraron 0,3%) mais continúan a marcar un forte encarecemento nos últimos doce meses de 12,9%, coincidindo, neste caso, coa mesma porcentaxe negativa a nivel estatal. 

Comentarios