Audasa faise de 'ouro' coa AP-9: o incremento do tráfico eleva até os 82 millóns o seu beneficio neto

A firma ingresou grazas ás peaxes máis de 192,56 millóns de euros en 2023.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)

A concesionaria da autoestrada AP-9 obtivo un beneficio neto de 82,57 millóns de euros en 2023, o que supón un crecemento de 24,9% en comparación cos 66,1 millóns que gañara un ano antes, segundo os datos presentados esta cuarta feira pola compañía e remitidos á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). A firma ingresou grazas ás peaxes máis de 192,56 millóns de euros, 12% máis que en 2022, polo que o seu resultado de explotación creceu un 19%, até 121,51 millóns.

Así, o resultado antes de impostos de Audasa ascendeu aos 110,14 millóns, un 25,1% máis. Despois do pagamento duns 27,5 millóns de euros no imposto sobre beneficios, o seu resultado neto foi de 82,57 millóns de euros.

Todo iso após rexistrar un notábel aumento do tráfico na AP-9, de 3,6%, o ano pasado, con 25.458 vehículos de media ao día. Esta cifra é superior aos datos previos á pandemia, xa que en 2019 circulaban pola autoestrada uns 24.405 coches cada día.

Xa en 2022, Audasa conseguiu recuperar o tráfico anterior á pandemia da Covid-19, con 24.561 automóbiles diarios. Aliás, o número de coches que pasaron polas súas peaxes cada día o ano pasado foi de 22.697 de media, incluíndo as 'peaxes en sombra' —aqueles pagos polas administracións—.

Ingresos

Desta maneira, os ingresos polos usuarios e usuarias da autoestrada subiron até os 133,9 millóns de euros, 6,6% máis. Ademais, os ingresos das administracións incrementáronse 26,6%, até os 58,5 millóns. Destes, 12,6 millóns correspóndense ás 'peaxes en sombra' (+9,5%), mentres que as bonificacións medraron tamén até os 36,7 millóns (+5,7%) e a limitación de tarifa supuxo para Audasa uns ingresos de 9,2 millóns.

Entre outras cifras, Audasa tamén ofrece datos sobre a cantidade de persoas que utilizan a telepeaxe para o pagamento das autoestradas. En total, un 72,1% dos usuarios optan por esta opción, 2,6 puntos porcentuais máis que hai un ano. Ademais, 98,2% dos viaxeiros pagou a través de vías automáticas ou VIA-T, un 2% máis que en 2022.

En canto ao cadro de persoal de Audasa, mantívose estábel desde 2022, con 234 persoas, unha máis que hai un ano, aínda que crece un 6,7% desde 2020. Os investimentos ambientais e en infraestrutura en 2023 foron de 1,6 e 2,7 millóns, respectivamente.

Comentarios