Aprobada a fusión de Orange e MásMóvil, propietaria de R, que se converte no principal operador do Estado

Ambas as compañías esperan concluír a transacción antes do remate do trimestre.
Sede do Grupo Más Móvil, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede do Grupo MásMóvil, en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Consello de Ministros deu o visto e prace esta terza feira á fusión de Orange e MásMóvil —dona da empresa de orixe galega R—, despois de que o Goberno estatal autorizase a operación desde o punto de vista da regulación relativa aos investimentos estranxeiros, e tamén o acordo de espectro radioeléctrico alcanzado polas dúas compañías con Digi e que se fechou para que a Comisión Europea dese luz verde á transacción.

Tras esta fusión "entre iguais" pola combinación dos seus negocios no Estado español, salientou o titular da carteira para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, a compañía será o primeiro operador a nivel estatal, con máis de 30 millóns de clientes con teléfonos móbiles, máis de 7 millóns de clientes de banda larga e máis de 2 millóns de clientes de servizos de televisión.

"A aprobación desta fusión vén acompañada dun plan industrial da entidade resultante que é verdadeiramente ambicioso e cunha orientación de moi medio prazo, cunha política de investimentos moi potente durante os próximos anos en infraestruturas dixitais fixas e móbiles", engadiu Escrivá, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

A operación, valorada nuns 18.600 millóns de euros e que creará unha compañía líder no mercado estatal das telecomunicacións por número de clientes e cobertura de fibra e móbil, xa recibira o pasado 20 de febreiro a aprobación por parte da Comisión Europea.

Tras a autorización do Executivo, espérase que os trámites administrativos pendentes para fechar a operación de forma definitiva conclúan nun par de semanas, polo que se cumprirán os prazos contemplados por ambas as compañías, que esperan concluír a transacción no primeiro trimestre do ano.

Comentarios