Amancio Ortega ultima a compra de parques eólicos de Repsol

O empresario quer 49% das renovábeis da multinacional.
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
photo_camera Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).

Amancio Ortega ultima a compra de 49% dos parques eólicos e fotovoltaicos que Repsol posúe no Estado español. En concreto, a operación valoraría os activos do denominado proxecto Ebro -unha carteira de máis de 600 megawatts (MW) renovábeis situados en diversas rexións da xeografía estatal como Aragón, Castela-León ou Andalucía, entre outras.

O fundador de Inditex e primeiro accionista da compañía levaría a cabo a adquisición a través de Pontegadea, a sociedade de investimento mediante a cal Ortega xestiona a maior carteira inmobiliaria dunha empresa estatal, valorada en máis de 15.000 millóns de euros.

O empresario galego impúxose a outros pretendentes polos activos de Repsol en renovábeis, como a petroleira estatal tailandesa, PTTEP. Os proxectos renovábeis de Repsol preparados para a venda teñen unha capacidade total de 600 MW, segundo publica a axencia Reuters, que alude a dúas fontes coñecedoras da operación, unha das cales indica que a transacción podería asinarse a próxima semana.

Reganosa

Por outra parte, a matriz de Reganosa —Reganosa Holdco— tomou o control total sobre as principais sociedades baixo o seu paraugas, ao adquirir a porcentaxe de 15% en Regasificadora do Noroeste que aínda non controlaba e que era propiedade da xaponesa Sojitz, e procedeu a un cambio na cúpula da compañía, con Roberto Tojeiro Rodríguez e Rodrigo Díaz Ibarra asumindo a dirección, en substitución dos até o de agora presidente e director xeral, Carlos Collantes e Emilio Bruquetas, respectivamente.

O accionariado do consorcio enerxético intégrano o Grupo Gadisa (59,64% do capital), a Xunta da Galiza (28,60%) e a alxerina Sonatrach (11,76 %).

Comentarios