O aforro bancario das familias caeu en 1.519 millóns nos tres primeiros meses do ano

As dificultades económicas provocaron unha caída do aforro de 1.519 millóns de euros nos tres primeiros meses deste ano. Un total de 595.746 familias recoñecen chegar con dificultade ou moita dificultade a fin de mes, ao tempo que o Índice de Confianza do Consumidor (ICC) marca -12,05.

Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)
photo_camera Unha persoa saca cartos dun caixeiro. (Foto: Europa Press)

Os datos fornecidos polo Boletín Estatístico do Banco de España non deixan lugar a dúbidas sobre a caída do aforro na Galiza. Se a volta de marzo de 2023, último mes con cifras, os depósitos se situaban en 77.453 millóns de euros, representando os dos particulares 72.625 millóns de euros, a súa contía en decembro de 2022 era maior, de 78.166 millóns de euros, significando a parte propiedade das persoas físicas 74.144 millóns de euros. Neste sentido, os aforros das familias reducíronse durante este ano en 1.519 millóns de euros.

Os depósitos custodiados polos operadores financeiros con presenza na Galiza alcanzaron a finais de marzo deste ano unha contía de 77.453 millóns de euros. Neste caso, 72.625 millóns de euros correspóndense con aforros da cidadanía galega e 8.345 millóns de euros con diñeiro das diferentes administracións gardado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron 5,27% do total estatal, unha porcentaxe que dá conta da capacidade para xerar aforro da economía galega, máis dimensionada pola súa elevada caída noutros territorios.

Caída do aforro

A caída do aforro é unha realidade na Galiza neste primeiro trimestre do ano. Porén, é menor que a media do Estado. A lóxica da inflación xera unha importante desvalorización do aforro, até o punto de que os depositantes galegos viron minguado o valor real dos seus aforros no ano 2022 nun total de 5.237 millóns de euros. O impacto da inflación afecta de forma especial os pequenos e medianos aforradores, optando os grandes patrimonios por outras formas de investimento.

O crédito fornecido na Galiza polas entidades financeiras entre xaneiro e marzo de 2023 ficou en 47.512 millóns de euros. Neste caso, representa unha alza de 174 millóns en relación ao último trimestre de 2022 e de 476 millóns de euros respecto ao mesmo mes do pasado exercicio. Nesta liña, o crédito significou 3,86% do total estatal, quedando moi lonxe de Madrid, que liderou está variábel, concentrando 29,30% da totalidade do diñeiro prestado pola banca.

Ausencia de crédito

O escaso crédito ofrecido polo sistema financeiro na Galiza está detrás dos problemas de capitalización do tecido empresarial, que limita a capacidade para acometer novos investimentos e obriga, en moitos casos, a acudir a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como os fondos de capital risco. Asemade, a situación agrávase en momentos como os actuais, onde a suba dos tipos de xuro e os problemas de solvencia da banca endurecen as condicións de financiamento para as persoas físicas e xurídicas.

O comportamento do aforro na Galiza garda similitudes co do Estado. A este respecto, o regulador estatal sinala que “os depósitos bancarios reducíronse en España en 19.500 millóns de euros tras pasar do billón de euros rexistrado a finais de 2022 até os 984,800 millóns que se rexistraron a finais de marzo”. Na mesma dirección, apunta que a caída é algo máis moderada en relación ao mesmo mes do ano pasado, “cando os depósitos totais alcanzaron 997.400 millóns de euros” e a caída do aforro marcou 12.600 millóns de euros.

A autoridade bancaria responsabiliza da caída do aforro a perda de poder adquisitivo e de liquidez dos particulares. Nesta orientación, considera que o impacto da presión inflacionista sobre salarios, pensións e rendas está obrigando a poboación a tirar dos aforros para facer fronte aos seus gastos. Así, a consultora Adecco, no seu informe sobre o mercado laboral de 2022, cifra a caída do poder de compra dos salarios na Galiza para esa anualidade en 5,3%

A crise económica

As dificultades económicas das familias galegas tamén son evidenciadas cos últimos datos do Índice de Confianza do Consumidor (ICC), referidos a xuño de 2023 e que apuntan que 595.746 familias chegaron con dificultade ou moita dificultade a fin de mes. Porén, esta realidade presenta diferenzas en función dos niveis de renda.

A situación viuse agravada naqueles fogares con menos ingresos. Neste sentido, 87,6% das familias con ingresos menores a 1.000 euros mensuais recoñeceron dificultade ou moita dificultade para chegar a fin de mes, reducíndose esta cifra a 30% naquelas familias con ingresos superiores a 2.000 euros. Ao tempo, 69,7% dos fogares con ingresos mensuais entre 1.000 e 1.500 certificaron, tamén, dificultade ou moita dificultade para facer fronte aos gastos do mes.

A operativa bancaria

O Banco de España ve outro dos factores tras a caída do aforro na operativa das entidades de crédito. Nesta liña, entende que a suba dos tipos de xuro e a ausencia de remuneración nos depósitos está levar a unha parte das persoas a buscar unha maior rendibilidade aos seus fondos. Precisamente, unha parte dese aforro derivouse á busca de produtos financeiros con escaso risco que xeren máis beneficios ao usuario, destacando entre estes as Letras do Tesouro. Tanto é así que as persoas particulares convertéronse en 2023, por primeira vez na historia, nas principais posuidoras de débeda pública española a curto prazo. A este respecto, o propio Banco Central Europeo (BCE) advertiu dos riscos da exposición á débeda publica da cidadanía do Estado.


69.854 fogares tiveron que solicitar axuda económica a familiares en 2023

O círculo familiar volveu ser a alternativa para moitos fogares galegos diante da crise. Neste sentido, un total de 69.854 familias galegas víronse na obriga de solicitar axuda económica e financeira aos parentes para facer fronte ao seu gasto ordinario. Neste punto, a porcentaxe superou a dos anos da pandemia, só rexistrando unhas cifras máis negativas ao longo de 2013.

Os problemas económicos obrigaron as familias galegas a apertarse o cinto. Nesta liña, segundo as cifras de xuño de 2023, 40,4% dos fogares mudaron os seus hábitos de consumo, optando por produtos máis baratos, apostando por marcas brancas e mercando os alimentos de oferta. Asemade, 31,8% diminuíron outros gastos comúns, como roupa, calzado, transportes, gas e electricidade.

Por outra parte, o Índice de Confianza do Consumidor (ICC) marcou -12,05 para o segundo trimestre de 2023. Segundo as cifras achegadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) na Enquisa Estrutural de Fogares, as familias galegas observan con preocupación a súa situación económica, fixando un resultado negativo para un indicador que estabelece cero como número neutral, -100 como valor negativo máximo e 100 como o mellor resultado positivo.

Tomando como referencia toda a serie histórica do Índice de Confianza do Consumidor na Galiza e a excepción do ano 2020 (en que se declarou a pandemia da Covid), os valores de 2022 e 2023 foron os máis negativos desde a existencia de rexistros do citado índice.

Comentarios